Trinta segundos de propaganda. Os spots electorais do 21-O.

Un candidato que responde cun mitin á pregunta dunha crianza. Unha contra atrás de desexos de todas as idades. Un carro que conduce cara ao abismo, rotulado co logotipo dunha empresa con dilatada experiencia no seu. Máis un candidato, e unha candidata, que reparten a partes (des)iguais o tempo dun anuncio electoral. E, en derradeiro lugar, unha chamada a ouvir a voz d@s emudecid@s. Así son os anuncios de PP, PSOE, BNG, AGE e CxG

Un candidato que responde cun mitin a pregunta dunha crianza. Unha contra atrás de desexos de todas as idades. Un carro que conduce cara ao abismo, rotulado co logotipo dunha empresa con dilatada experiencia no seu. Máis un candidato, e unha candidata, que reparten a partes (des)iguais o tempo dun anuncio electoral. E, en derradeiro lugar, unha chamada a ouvir a voz d@s emudecid@s; dos emudecidos, máis ben. En liñas xerais, sobre estas cuestións xiran os spots con que PP, PSOE, BNG, AGE e CxG chaman ao voto o 21 de outubro. Vexamos as liñas concretas.

Un PP que fará o que desfixo en tres anos
As dúas follas da porta do hospital sepáranse. Polo oco que deixan, unha muller e a súa filla pequena entran sorrintes visitar o home da primeira e pai da segunda, ingresado no centro. Seguidamente, quen aspira a repetir na Xunta, Alberto Núñez Feijóo, colocado detrás dun atril e disposto para o mitin, di que "xorde a pregunta de se seremos quen de construír hospitais públicos, centros de saúde, residencias para os maiores e escolas infantís para os mais cativos, e a resposta está en Galicia".

Na outra versión, a pregunta "xorde" após erguer a man unha crianza nunha aula: "seremos capaces de garantir unha educación pública de calidade e en liberdade". O trienio de Feijóo á fronte da Xunta, e o panorama en que a súa xestión deixou estes dous dereitos fundamentais, fan pensar que a resposta a ambas as cuestións é negativa.

O BNG alerta do precipicio
"O Partido Popular anuncia un recorte drástico das pensións e prestacións por desemprego despois das eleccións galegas". Dentro do carro, catro traballador@s de Demolicións Feijóo ouven con atencións o boletín informativo que botan pola radio. Marcadas no GPS as coordenadas que, após un xiro á dereita, conducen até un barranco.

Tres anos de traballo ben centralizado outorgan a esta empresa un certo prestixio no seu, os derrubamentos. A piques de caer polo precipicio, o condutor exemplifica cunha manobra o que unha voz de muller explica: turrar do freo de man 'para facerlles fronte'. De seguido, pide o voto para a forza política que subscribe este spot, o BNG.

Pachi Vázquez, unha voz en off
Asunción quere ter 101 anos, Antonio, que non lle toquen a pensión, Susa prefire voar, Olalla opta por escribir libros e Ramón confórmase con chegar a fin de mes. Ao final do spot, a voz en off de Pachi Vázquez, aspirante do PSOE a gobernar a Xunta, explica en poucas palabras cal é a intención deste anuncio: 'É o momento da Galicia das persoas'. A presencia do político do Carballiño neste anuncio limítase unicamente á unha foto do cartaz electoral.

O tema escollido por este partido para a campaña, Prezo aos corazóns, non será nomeada nunca a canción revolucionaria do ano. Arrola os ánimos até os adormecer. Mais entre crianzas, homes e mulleres, mocidade e xente idosa, linguaxe de signos e cadeiras de rodas, ninguén poderá negar que a equipa de Vázquez prestou atención á diversidade.

Beiras coloca AGE "abaixo e á esquerda"
Os acordes de Hai que botalos, pegadizo tema composto para a ocasión por Gonzalo Bahamonde. Un pantallazo cunha breve explicación, que se entende mellor ao remate do video: a Alternativa galega de esquerda é a suma da Anova de Xosé Manuel Beiras e a IU de Yolanda Díaz. De fronte e de perfil, nunha fugaz aparición que dura cinco segundos, Díaz chama a "paralos".

Deseguido, Beiras sitúa a coalición no espectro político: "nós estamos, coma vós, abaixo e á esquerda, onde está o corazón". A combinación de primeiros planos e perfís do histórico nacionalista ocupa o dobre de tempo que o dedicado a Yolanda Díaz neste anuncio electoral centrado en dar a coñecer a coalición e @s candidat@s.


CxG abre as orellas
Do anuncio que postula a Xoán Bascuas para a presidencia da Xunta, Compromiso por Galicia, hai que reprochar o rol de coidadoras e nais en que fican relegadas as mulleres. Entre un mozo preocupado "por traballar e non emigrar" e un avó que anhela "vivir e disfrutar o que traballei" sae ela, "preocupada pola educación dos meus fillos".

O empeño desta formación política pasa por escoitar as reclamacións da cidadanía, "a túa voz", explica o propio Bascuas na recta final do video, rodeado doutras seis persoas, cinco homes e unha muller. Antes de pedir o voto, unha sucesión de bocadillos falan das ideas en que, de chegar a San Caetano, CxG centrará a súa acción de goberno.