Xoán Bascuas: “Temos que devolverlle a economía ás persoas"

Xoán Bascuas é o candidato de Compromiso por Galicia á Presidencia da Xunta de Galiza. CxG xurde como a suma de Máis Galiza, liderada polo propio Bascuas, e a corrente Acción Galega, integrada por Teresa Táboas, Pérez Bouza e o ex popular Rafael Cuíña. Reciben o apoio de forzas de centro dereita rexionalista como Terra Galega ou Coalición Galega.
Xoán Bascuas, candidato de CxG
photo_camera Xoán Bascuas, candidato de CxG


Nun contexto de forte crise, cales son as propostas económicas de CxG?

Devolverlle a economía ás persoas. Os poderes públicos deben asumir o protagonismo á hora de dinamizar a economía. Di Albert Einstein que se ti fas sempre o mesmo non procures ter respostas diferentes. Levamos tres anos de goberno Feijóo e outros de Rajoy e nada mudou. Hai unha espiral envolvente onde os recortes achican a dinámica económica, a capacidade de xestión do goberno galego e ao final hai que facer máis recortes porque non hai ingresos. Nós propoñemos revertela. Como dicían os nosos pais “o carto move carto”. Asumindo que os poderes públicos deben ser os principais actores para dinamizar a economía. Apostar pola creación de riqueza e emprego. Quen crea emprego son os autónomos e a microempresa, pequenos e medianos empresarios, posto que a súa capacidade de crecemento é a que xera emprego. A un tempo fas economía e xustiza social. Unha persoa que traballa reporta beneficios á caixa común de todos os galegos mais, ao mesmo tempo, realízase persoalmente e non supón un gasto para a economía pública.

Decláranse "galeguistas" malia que boa parte da base de Compromiso provén do nacionalismo...
Declarámonos nacionalistas e galeguistas. Castelao definiase a si propio como galeguista polas connotacións que tiña a palabra nacionalista nos anos '30, mais ao mesmo tempo o nacionalismo abrangue moitos máis formas de tomar postura ao respecto dos dereitos nacionais do país.

CXG busca un espazo no centro-dereita?

Ás veces a política aseméllase ao hooliganismo futbolístico. Facemos interpretacións sen escoitar e con etiquetas prexuizosas. Falei da defensa do estado do benestar, de política de xustiza social, falei de intervención da economía e no mercado, onde está a dereita aí? Eu convido a todas as persoas que estiman que hai algún tipo de identificación, por mínima que sexa, coa dereita, que busque algunha proposta de CXG que faga esa identificación. Nós imos desde o centro progresista até a esquerda renovadora e transformadora. E non hai máis.

As enquisas non lles dan moi bos resultados...

Non se fixeron moitas enquisas públicas, son trackings. Nunha temos dous escanos e noutra ningún. As enquisas deben ocuparnos mais non preocuparnos. Son prognósticos que miden tendencias e nesa medida deben chamarnos a atención. O que nos advirten as enquisas é que hai en torno a un 23% de xente que di que non vai ir votar e un terzo do electorado que di que está indecisa. A partida está moi aberta. Calquera elucubración que se faga pódese interpretar como unha falta de respecto ao electorado. Nós perseveraremos para obter os mellores resultados para CXG e tamén para o país.

E despois das eleccións?

Somos unha Plataforma que ten a intención de configurarse como partido. Nós tiñamos que responder ao inmediato, o urxente, que eran as eleccións.

Comentarios