Xoán Bascuas candidato por CxG

Após un Congreso de primarias, o até o de agora coordinador xeral da organización política, encabezará a lista electoral da Coruña e presentarase como candidato á presidencia da Xunta de Galiza. 

Era a primeira ocasión que a Galiza acollía unhas eleccións primarias abertas á cidadanía para elixir candidatos provinciais e á presidencia da Xunta, porén, xa fora un método empregado por outras forzas políticas con anterioridade, coma o PRI mexicano ou o partido socialista francés. Todo un “exercicio de democracia” aseveraba Encarna Otero, responsábel da saúda ao comezo do acto, despois de visualizaren un video-montaxe no que recolleron a participación de CxG no Día da Patria.

As expectativas eran moitas nun comezo, mais foron  minguado ao se presentaren só catro candidatos, un por circunscrición, o que limitaba a escolla. Os nomes máis (re)coñecidos de Compromiso –promotores do proxecto e membros do seu Consello Político-- presentábanse perante a súa militancia como única posibilidade nas primarias, Xoán Bascuas pola A Coruña, Pérez Bouza  por Ourense, Iván Marrube por Lugo e o exmilitante do PP Rafael Cuíña pola provincia de Pontevedra, após retirar a súa candidatura inicial Sandra Araúxo, secretaria da organización. Cuíña tivo verbas para ela na apertura do Congreso loubando que soubera pór “o partido por enriba dos intereses persoais”.

As persoas participantes nas primarias –cuxo dereito a votaren viña condicionado ao pagamento de dous euros--, ratificaron finalmente aos pre-candidatos e preparábanse para elixiren a súa proposta á  presidencia da Xunta. No entanto, Pérez Bouza, Cuíña e Marrube optaron por declinaren as súas candidaturas e proclamaren, sen votación,  a Xoán Bascuas como candidato. Aplausos e berros de “presidente!” encheron a sala do Auditorio.

No seu discurso de clausura, Bascuas asegurou que CxG era a única “novidade nestas elecciós” e acusou ás forzas políticas con representación parlamentar de practicaren “a vella política” fronte á “xesta épica” que supuxeron as primarias de Compromiso. 

Comentarios