UPyD esmorece en Galiza a pouco tempo das eleccións

O único representante institucional de Unión Progreso e Democracia en Galiza, o baionés Antonio Amorín, abandona o partido e asegura que numeros@s militantes están a fuxir da organización.

Os problemas internos no partido liderado por Rosa Díez, levan ao seu único cargo público no país a se retirar do concello de Baiona onde era concelleiro desde as eleccións municipais. O distanciamento coas liñas marcadas desde Madrid, levaron ao único representante institucional da formación a manterse no seu cargo mais como independente. Agora, Amorín asegura que está disposto a dialogar coa organización política a renuncia da súa acta, pois asegura que en boa medida foi elixido pola equipa de persoas con que se presentou ás eleccións e non tanto polas siglas que o acompañaban.

“O partido está destrozado”, así de rotundo se amosaba Amorín ao falar das posibilidades de UpyD nas vindeiras eleccións galegas. A crise interna que padece a formación política levou a boa parte dos seus integrantes en Pontevedra a amosárense contrarios ao nomeamento desde a dirección en Madrid do candidato á presidencia da Xunta, que finalmente será o santiagués José Canedo. Segundo Antonio Amorín, son moit@s as persoas afiliadas as que están a abandonar a formación política e asegura que, ao contrario do que pregoan, “facemos todo exactamente igual que o resto dos partidos”.

Comentarios