Un xulgado investiga se o popular Cores Tourís recibiu comisións por contratar unha empresa vinculada ao Partido Popular

O xulgado de Arzúa iniciou un procedemento para investigar o posíbel cobro de “mordidas” polo candidato número 7 do PP por Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, cando era alcalde de Cambados. Os gobernos municipais de Cambados e Antas de Ulla, ambos os dous con alcaldes do PP, e máis a Xunta de Núñez Feijóo, terían asinado a dedo contratos con Excamel SA, propiedade do fillo do ex-senador popular Miguel Pampín Rúa, por máis dun millón de euros.
Jose Manuel Cores Tourís
photo_camera Jose Manuel Cores Tourís

O xulgado de Arzúa está a desenvolver unha investigación sobre unha presunta trama de corrupción arredor do posíbel pago de comisións a cambio de contratos a Excamel S.A. A empresa é propiedade de Javier Pampín, fillo do ex-alcalde de Melide e ex-senador do PP, Miguel Pampín Rúa. Entre os presuntos receptores das mordidas estaría o ex-alcalde de Cambados e ex-delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, que é candidato número 7 ás eleccións do 21-O. Outro dos implicados é o alcalde de Antas de Ulla, Javier Varela, tamén do Partido Popular.

No centro da causa estarían varios contratos asinados entre os concellos de Cambados e Antas con Excamel SA, polo procedemento negociado e sen publicidade, que atinxirían os 384.816€. Asemade, o goberno galego de Núñez Feijóo asinou entre outros acordos, un contrato de iguais características por importe de 133.104€. En total serían máis de medio millón de euros os concedidos a dedo por gobernos do Partido Popular á empresa de Pampín.

Foi unha denuncia dun ex-socio de Javier Pampín a que fixo saltar o caso, malia a retirar posteriormente. A instrución xudicial fundaméntase nunha gravación en que se recollería unha conversa entre o ex-senador Miguel Pampín Rúa, pai de Javier Pampín, e o seu agora ex-socio, Francisco Javier Parrado. Na mesma farían un repaso dos asentos contábeis de Excamel SA facendo referencias explícitas ao pagamento de comisións a Cores Tourís e Varela por valor de 9.000 e 11.000 euros respectivamente, como presunta compensación polos contratos asinados.

O BNG exixe á Xustiza e ao PP que “non apliquen unha dobre vara de medir”.

Nunhas declaracións realizadas no almorzo informativo realizado polo BNG esta mañá en Vilagarcía, a Secretaria de organización e candidata número 3 por Pontevedra, Montse Prado, reclamaba ao Partido Popular é aos xulgados que “non apliquen unha dobre vara de medir no caso de presunta corrupción” que afecta ao candidato popular José Manuel Cores Tourís. Tras manifestar o seu “respecto á presunción de inocencia”, Prado reclamou “o mesmo trato que ao doutros casos de presunta corrupción” en alusión ao discutido procedemento xudicial do caso “Pokémon”

Prado exixiulle ao conselleiro de presidencia, Alfonso Rueda, que fora secretario do concello de Cambados con Cores Tourís na alcaldía, que “non utilice o seu posto para darlle trato de preferencia” ao ex-rexedor popular. Aliás, a nacionalista fixo público que o BNG solicitará que se constitúa unha comisión de investigación no concello de Cambados.

Comentarios