Un mapa electoral con matices

O PP foi a forza máis votada en 302 dos 315 concellos da Galiza. Mais en boa parte deles, a suma das forzas da esquerda superan os populares
Voto eleccións

Os 41 escanos atinxidos polo PP, 3 máis que en 2009, son unha mostra de forza da maquinaria e apoio popular na Galiza, máxime nun contexto de crise onde o goberno autonómico optou por medidas e recortes con fortes consecuencias para a maioría social --o INE tira uns datos esta segunda feira en que se reflicten as consecuencias da política de axustes e recortes desenvolvida polo Partido Popular que deixa un de cada cinco habitantes galegos baixo o limiar da pobreza. Mais o PP tivo 170.000 votos menos que hai tres anos e medio. E a fotografía de cidades e vilas do país amosan que en boa parte delas, a suma das forzas de esquerda ameazan a hexemonía popular.

O PP foi a forza máis votada en 302 concellos entrementres as demais forzas políticas diminuíron o seu número de apoios. Mais os populares sufriron importantes quedas de votos en puntos fulcrais como Vigo, onde apenas rozaron os 50.000 sufraxios --por vez primeira desde as eleccións de 1981--, 28.000 papeletas menos que en 2009. 

Vilas e comarcas

As principais cabeceiras de comarca mantiveron o seu tradicional apoio ao Partido Popular, superando o 50% dos votos (Ribeira, Lalín ou Mondoñedo), máis houbo tamén moitas onde a suma  das forzas de esquerda lle disputan a hexemonía ao PP, como Carballo, Monforte, O Carballiño, Viveiro ou Vilagarcía de Arousa. Pola contra, atopamos vilas coma A Pobra do Caramiñal, en que o BNG atinxiu a segunda praza, desbancando os socialistas, ao tempo que Allariz --un dos principais concellos nacionalistas-- se mantivo como a forza máis votada, co 43% dos votos.

Porén, as novas formacións políticas xurdidas ao abeiro do proceso electoral, tamén obtiveron bos resultados nalgúns concellos galegos. Compromiso por Galiza (CxG), malia non entrar no Parlamento galego, converteuse na terceira forza máis votada en Lalín --cun 7,3% dos votos-- da man de Rafa Cuíña, que encabezaba a listaxe electoral pola circunscrición de Pontevedra. Aliás, a gran novidade achegouna a Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que se sitouo como a segunda forza en Compostela, Ferrol e A Coruña

A abstención (máis dun 36%, sen contar a da emigración) e a dispersión do voto, pasadas pola peneira do sistema D´Hont, fortalecen os populares mesmo máis aló dos seus propios pronósticos. A perda de votos do PSOE e BNG (máis de 350.000 entre os dous desde 2009) non foi compensada pola irrupción de AGE (con 200.000). Estas tres formacións sumarán nesta lexislatura por volta de 640.000 votos. Pola contra, o PP tivo 654.000. 

Comentarios