Sermos Galiza inicia unha colaboración cos xornais vascos Naiz e Gara

Os medios galego e vascos veñen de establecer un acordo de intercambio informativo da cobertura dos procesos electorais nas súas respectivas nacións. Con este acordo Sermos Galiza e Naiz/Gara apostan por establecer canles de comunicación directas, que permitan ofrecer unha cobertura informativa sen intermediarios.
Naiz

Nun momento de grande interese informativo tanto para Euskadi como para Galiza, dado que en ambos territorios se desenvolven sendas campañas electorais que concluirán nos comicios do 21-O dos que sairán elixidos novos Parlamentos autonómicos, Sermos Galiza,  o xornal dixital Naiz e o diario Gara, medios vascos que integran un mesmo grupo de comunicación, veñen de subscribir un acordo de colaboración.

O mesmo concrétase no intercambio de pezas informativas, polo que Sermos Galiza publicará diariamente unha crónica das eleccións en Euskadi, e Naiz fará o propio coa información dos comicios galegos. Desta maneira Sermos Galiza, tanto na súa edición dixital diaria como no semanario reforzará desde hoxe, xoves, a cobertura que xa viña ofrecendo do proceso electoral vasco.

No medio dun contexto onde a comunicación en ambas nacións continúa estando mediada por axentes alleos á realidade vasca e galega, Sermos Galiza e Naiz/Gara coinciden na necesidade de establecer canles de comunicación directas, que permitan ofrecer unha cobertura informativa sen intermediarios, como mecanismo que fortaleza a existencia de medios de comunicacións propios, sen dependencias esóxenas e cun enfoque pegado á realidade concreta.

Comentarios