Nun momento de grande interese informativo tanto para Euskadi como para Galiza, dado que en ambos territorios se desenvolven sendas campañas electorais que concluirán nos comicios do 21-O dos que sairán elixidos novos Parlamentos autonómicos, Sermos Galiza, o xornal dixital Naiz e o diario Gara, medios vascos que integran un mesmo grupo de comunicación, veñen de subscribir un acordo de colaboración.
O mesmo concrétase no intercambio de pezas informativas, polo que Sermos Galiza publicará diariamente unha crónica das eleccións en Euskadi, e Naiz fará o propio coa información dos comicios galegos. Desta maneira Sermos Galiza, tanto na súa edición dixital diaria como no semanario reforzará desde hoxe, xoves, a cobertura que xa viña ofrecendo do proceso electoral vasco.
No medio dun contexto onde a comunicación en ambas nacións continúa estando mediada por axentes alleos á realidade vasca e galega, Sermos Galiza e Naiz/Gara coinciden na necesidade de establecer canles de comunicación directas, que permitan ofrecer unha cobertura informativa sen intermediarios, como mecanismo que fortaleza a existencia de medios de comunicacións propios, sen dependencias esóxenas e cun enfoque pegado á realidade concreta.