Sermos Galiza enceta a cobertura especial de cara ás eleccións do 21-O

Desde as 7:30h da mañá desta sexta a portada do xornal dixital alberga unha sección destacada en que se recollerá a cobertura especial que Sermos Galiza desenvolverá desde hoxe até a noite electoral do vindeiro 21 de outubro.

Alén das informacións, a cobertura estará integrada por outros recursos --vídeos, entrevistas, reportaxes, infografías, galerías de imaxes-- e microseccións como a contracrónica que hoxe estreamos baixo o título “Manual filosófico para a supervivencia electoral”, con textos asinados por Susana Díez. A cobertura non se cinxirá a contidos da sección política, ao contrario, nela terán voz tamén os movementos sociais e darase conta dos procesos mobilizadores que terán lugar neste outono que se promete “quente”. Haberá tamén espazo para debullar outros aspectos e facetas da convocatoria electoral, como as notas musicais de campaña.

Cada mañá, desde primeira hora, Sermos Galiza abrirá a edición dixital recollendo os feitos máis significativos da xornada anterior e as chaves que marcarán o día. Asemade, seguirase a dar cumprida conta da actualidade ao longo de todo día.

Todo coa vocación de ofrecer con rigor a información e análise precisas para abordar un proceso electoral fulcral para o presente e futuro do noso país.

Comentarios