Rubalcaba arroupa a Pachi Vázquez na Coruña

Acompañado polo secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, o candidato á presidencia da Xunta, Pachi Váquez, presentou na Coruña o seu programa electoral para o 21-O.
Rubalcaba e Pachi Vázquez
photo_camera Rubalcaba e Pachi Vázquez

Nun mitin celebrado na Coruña, Pachi Vázquez asegurou que o seu goberno “falará de emprego” como primeira cuestión pois, dixo, “é a principal preocupación dos galegos”. No acto, ao que tamén asistiron o candidato por esta circunscrición, Francisco Caamaño e o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba; o aspirante socialista á presidencia da Xunta de Galiza debullou algunhas das súas propostas para xerar emprego –principalmente entre a xente moza--. Vázquez comprometeuse a crear 25.000 bolsas-contrato de 500 euros dirixidas á mocidade, aliás, asegurou que crearía un Instituto Galego de Crédito e Finanzas á fin de garantir os “proxectos empresariais”.

Aliás, o candidato polo PsdeG, prometeu incrementar o investimento en I+D até o 2% e a suprimir os concertos cos centros de ensino segregacionistas.

Pachi Vázquez, non desbotou a oportunidade para criticar o goberno de Alberto Núñez Feijóo, do que dixo “é unha trampa adiante” e exemplificouno co informe do Consello de Contas –no que aseguran que a Xunta tería desviado 411 millóns de euros dun exercicio contábel a outro para financiar o défice-- e os contratos coa petroleira mexicana Pemex.

O socialista contrapuxo a xestión desenvolvida nestes tres anos e medio polo goberno do Partido Popular, cun programa electoral, o seu propio, centrado “tan só en cinco palabras”, aseverou, “emprego, sanidade, educación, dependencia e igualdade entre homes e mulleres”.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, que acudiu ao acto da Coruña para arroupar a Vázquez fixo un chamamento a “pararlle os pés a Rajoy e á dereita desde Galiza”, pois asegurou que a vitoria do Partido Popular, traería máis recortes.

Comentarios