O PSdeG súmase á demanda de solucións para Alcoa e o naval

Rubalcaba e Pachi Vázquez fixeron este sábado campaña en Viveiro e Ferrol, onde puxeron ao PSdeG como garantía fronte á destrución de emprego que representa, afirman, o PP no goberno
Rubalcaba e Vázquez
photo_camera Rubalcaba e Vázquez

Primeiro en Viveiro e Logo en Ferrol. O candidato socialista á Xunta de Galiza, Pachi Vázquez, e o secretario xeral do PSOE, Pérez Rubalcaba, fixeron campaña este sábado polo norte do país e coa defensa dos postos de traballo como leit-motiv fronte ao que califican de desastrosa política de emprego e defensa dos sectores productivos do PP.

Na Mariña, e logo de manter unha xuntanza co comité de empresa de Alcoa, Rubalcaba comprometeuse a xestionar unha solución, por unha banda con conversacións coas grandes compañías enerxéticas como Endesa ou Gas Natural, e por outro a través de iniciativas no Congreso que presionen e esixan ao Goberno unha saída adecuada para un problema que en Lugo representa o 35% do PIB da provincia.

Pola súa banda, o candidato socialista á Xunta, Pachi Vázquez, incidiu en que o balance de catro anos de Feijóo en emprego foi facer que o paro medrara en Galiza un 70 por cento fronte ao 40 por cento que medrou no resto do Estado.

Austeridade coa dignidade das persoas como limite

Xa pola tarde, e no auditorio de Caranza, en Ferrol, Rubalcaba afirmaba que "con mentiras como as de Pemex non se crea emprego" e incidía nas críticas ao goberno do PP na Xunta como "incapaz" de dar solución a este problema. Alén diso, o secretario xeral do PSOE afirmou que os socialistas "estamos a favor da austeridade, mais coa dignidade das persoas como límite".

Pachi Vázquez reiterou a petición feita ao presidente da Xunta de que ensine os contratos dos estaleiros galegos con Pemex. O candidato do PSdeG asegurou no seu discurso que o emprego, xunto coa sanidade e a educación, será un dos alicerces do proxecto socialista de gañar as eleccións e asegurou que "non teremos cartos para avisóns millonarios (en referencia á utilización por Feijóo dun avión privado na súa campaña en América) pero si para sanidade e educación".

Vázquez tamén asegurou que "os resultados das eleccións dependen dun feixe de votos" polo que animou á cidadanía a participaren co seu sufraxio o 21-O "no cambio que Galiza precisa e demanda".

Asegurou que Galiza “só poderá saír desta crise se cambiamos a política do sufrimento pola política do crecemento e se cambiamos a economía especulativa por unha economía produtiva”.

Comentarios