Perto de 398.000 residentes no estranxeiro poderán votar este 21-O

Un total de 2.696.513 persoas teñen dereito a sufraxio na cita electoral

Un total de 397.284 residentes no estranxeiro poderán votar nas eleccións deste 21 de outubro, o que supón un 14,7% do total de persoas con dereito ao sufraxio nesa cita electoral (2.696.513). Segundo os datos que vén de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE), os países con maior presenza de persoas que poderán votar o 21-O son Arxentina (141.680), Venezuela (37.445), Brasil (36.683) e Uruguay (34.743). Mais non só no continente americano existe este colectivo. Así, e xa en Europa, en Suiza hai 30.123 persoas con dereito a sufraxio nos comicios galegos, en Francia son perto de 16.000, en Aleania, 13.155 e en Reino Unido é unha cifra semellante.

Cómpre lembrar que a finais de xuño, o Parlamento galego deu luz verde a unha iniciativa do PSdeG para pedir que os cidadáns españois no exterior "dispoñan das mesmas condicións para exercer o dereito a voto que o resto de cidadáns", suprimindo, así, a obrigatoriedade de rogar o voto". O BNG votou en contra porque, segundo dixo o seu voceiro naquel debate, Carlos Aymerich, supón "volver ao de antes".

Primeiriz@s

Neste 21-O haberá na Galiza 82.281 persoas que por primeira vez poderán votar por teren cumpridos os 18 anos desde a anterior cita electoral, que foi o 1 de marzo de 2009.

Comentarios