Pedir o voto para un partido e repartir papeletas, novas modalidades de influencia dos medios na campaña

O ramo á campaña nos medios púxoo o grupo La Región ao repartir coas súas dúas cabeceiras La Región e Atlántico Diario as papeletas de Sociedade Civil e Democracia de Mario Conde. Era o punto final dunha campaña en que os medios de comunicación se botaron ao monte.

Xa na precampaña a relación do candidato de Ourense do partido de Mario Conde co grupo La Región do cal era colaborador puxo as dúas cabeceiras no punto de mira do que ía ser a campaña máis dura nos medios de comunicación, maiormente a favor de Feijóo mais, neste caso, apoiando directamente a quen lle podía restar votos entre o seu electorado. O desencontro entre o grupo de comunicación con base en Ourense e o presidente de Xunta viña xa de lonxe, agravado polo afogamento económico de La Región por unha banda e polos duros ataques á xestión do goberno que o xornal emitía desde a outra, ás veces mesmo desde a autoría editorial.

En poucas ocasións desde as primeiras eleccións autonómicas un enfrontamento se fixo tan evidente. Os ataques de La Voz de Galicia, poñamos por caso, ás distintas consellerías do PSOE ou do BNG nas anteriores lexislaturas non atoparon nunca unha resposta tan belixerante por parte do executivo como a de Feijóo nesta campaña. A loita entre a editorial e o goberno púxose de manifesto de maneira singular no debate Feijóo-Jorquera na TVG a pasada semana. O candidato do BNG ergueu unha páxina do xornal ourensán na que se denunciaba o retraso no tratamento do cancro en Ourense, no centro no que ocupa un cargo a propia curmá do presidente. En directo, no propio debate, Feijóo acusou a La Región de ir “contra a sanidade pública”, unha denuncia que ofendeu á dirección e propiedade do xornal que se apuraron a respostar nas súas páxinas ás acusacións do presidente, sen aforrar tampouco virulencia na contestación.

A campaña foi tan dura por ambas partes que por exemplo, en Vigo, as páxinas de Atlántico Diario, xornal do grupo na cidade, foron colgadas polas paredes da cidade por persoas -presúmese que as víctimas das preferentes- que querían denunciar ao goberno de Feijóo.

O apoio de La Región a Mario Conde e a desafección do PP supón un perigo para a maioría absoluta do partido de Feijóo. A ninguén se lle escapa a vinculación que o grupo ourensán mantivo na súa historia co baltarismo, sector que viu como a súa forza mermábase ao confeccionar a lista de Ourense, presidida pola vontade de Feijóo cunha case nula presenza de seguidores da popular familia que preside a Deputación en varias xeracións. O apoio a Mario Conde supón, desta maneira, un castigo a un PP desafecto do dominio ourensán dos Baltar e un intento de afortalar unha organización que pode furar no seu electorado. A tensión sorprende aínda máis ao vir dunha cabeceira de liña conservadora mais tamén unha empresa sobre a que paira hai moitos meses a ameaza do peche unha vez se viñeron abaixo as posibilidades de insuflar cartos por medio da Deputación. 

Cunha xornada que amaneceu con dúas portadas de cabeceiras de Madrid coa máis intensa toma de postura que se lembra en xornada de reflexión “Votar PP es votar constitución” en ABC mais “Un voto por la unidad de España” en La Razón, repetindo imaxe trunfalista de Feijóo e Rajoy na fin de campaña, os medios deron un paso adiante na toma de postura a favor de formacións políticas da dereita.

Comentarios