Pachi Vázquez promételles axudas ás e aos emprendedor@s

O candidato do PSdeG promete investir en "novas teconoloxías e axudas" dirixidas ás persoas emprendedoras.

Nunha visita a un viveiro de empresas de Pontevedra onde estivo acompañado por Abel Losada, Carme Gallego e Patricia Vilán, o candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG-PSOE, comprometeuse a desenvolver unha reforma fiscal que grave "as entidades financeiras, grandes patrimonios e superficies comerciais" para así, facer pagar "a quen nos meteu dela", aseverou Vázquez. Asemade, comprometeuse a axilizar os procedementos burocráticos necesarios para pór a andar un negocio ao tempo que asegurou, crearía "axudas directas" dirixidas @s emprendedor@s, a través do Instituto Galego de Crédito --a aposta socialista para (re)activar o fluxo de capital na economía galega--. 

O candidato socialista, aproveitou o acto para acusar a Feijóo de ser un "gran manipulador" facendo referencia aos supostos contratos de construción naval asinados polo goberno galego coa petroleira mexicana Pemex ou aos 411 millóns de euros que o presidente en funcións tería trasladado do exercicio contábel 2010 a 2011 para "falsear o déficit" e presentarse como "a comunidade máis solvente" do Estado español. 

Pachi Vázquez asegurou que tanto Alberto Núñez Feijóo como a ex-conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, "terán que explicar moitas cousas" e fixo un chamamento para llelo exixir o "día 21 co noso voto". Aliás, en resposta ás preguntas d@s xornalistas sobre o futuro de ENCE, o candidato socialista asegurou que pularía por un "sector da madeira e por un sector da transformación, mais fóra da ría de Pontevedra”.

Comentarios