Pachi Vázquez promete unha “Lei de mobilidade de terras” para dinamizar o sector primario

O candidato socialista promete unha “Lei de mobilidade da terras”, da cal apenas ofreceu datos, con que afirma querer estimular o sector primario galego. Vázquez tamén manifestou o seu propósito de atallar a situación do sector leiteiro mais sen compromisos concretos alén de intensificar a inspección contra a “competencia ilegal”.
Pachi Vázquez no mitin de Lugo
photo_camera Pachi Vázquez no mitin de Lugo

Lugo foi tamén destino da actividade de campaña do PSdeG. Na cidade amurallada tivo lugar un mitin en que ademais do candidato, Pachi Vázquez, tomaron a palabra o alcalde López Orozco, a candidata Concepción Burgo e máis unha vez o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba.

A cidade de Lugo foi o enclave escollido polos socialistas para lanzaren algunhas das súas propostas destinadas ao medio rural. Entre elas salienta o anuncio dunha nova “Lei de mobilidade de terras” da cal pouco se detallou e que pretendería estimular o sector primario galego. Asemade, Vázquez amosouse partidario por intensificar a inspección contra das distribuidoras do leite para evitar a “competencia ilegal” que vai contra os intereses dos produtores galegos. En palabras do candidato esa lei ten por obxecto “rematar coa situación actual en que a produción de leite custa mais que o produto final”.

Aliás, Pachi Vázquez afirmou que de resultar elixido tomará medidas, que non concretou, “para garantir un mellor prezo para o leite que permita competir en custos con Francia”.

Por último, o cabeza de cartel do PSOE referiuse aos “enganos de Feijóo” asegurando que ao candidato popular “quédanlle cinco días para as seguir enganando a este país como fixo co déficit, coa situación do sistema financeiro ou cos supostos contratos con Pemex”. Despois de asegurar que “as enquisas non fan gobernos” volveu reiterarse na súa chamada á participación. Pola súa banda, Rubalcaba resumiu o programa de goberno de Feijóo como “toneladas de sufrimento”.

Comentarios