Pachi Vázquez promete 50.000 empregos se for Presidente

O candidato socialista presentou nunha palestra en Compostela os eixos básicos do seu programa, sen facer ningunha referencia ao autogoberno, nin á lingua e cultura propias do país. Vázquez fixo unha defensa acendida do concurso eólico ao que puxo atrancos como conselleiro.
Pachi Vázquez, candidato do PSdeG-PSOE onte en Compostela
photo_camera Pachi Vázquez, onte en Compostela

Na súa intervención nunha palestra en Compostela, o candidato socialista asegurou que se chegar a ser Presidente da Xunta creará 50.000 empregos. Pachi Vázquez abría deste modo o caixón das promesas electorais rumbo ao 21-O. O líder do PSdeG-PSOE mesmo foi quen de cuantificar en detalle a súa promesa. Dos 50.000 postos de traballo que afirma que creará se desaloxar a Feijóo de Monte Pío, 25.000 serán para moz@s, 15.000 para persoas desempregadas de longa duración e 10.000 a través do programa Muller.

Pachi Vázquez centrou o discurso, após ser presentado polo ex-presidente da Xunta, Fernando González Laxe, en criticar a política antisocial do Partido Popular. “Galiza foi masacrada con recortes durante o goberno Feijóo” afirmou.

Vázquez reivindica o concurso eólico que atrancou como conselleiro

Sorpresiva foi a acendida defensa que o candidato socialista fixo do concurso eólico aprobado polo goberno bipartito e anulado por Feijóo, decisión que puxo como exemplo de “como se pode golpear un país cunha decisión política errónea e inxusta”. “Por puro sectarismo o señor Feijóo anulou un Plan Eólico que ía investir 6.000 millóns de euros e crear 14.000 postos de traballo. A conclusión é ningún euro investido ningún megavatio e ningún posto de traballo creado” afirmou.

Pachi Vázquez defendeu o denominado plan eólico, unha das iniciativas do nacionalismo desde o goberno galego, malia que como conselleiro de medio ambiente dificultou seriamente a súa aprobación. Daquela, Vázquez foi a peza utilizada por Touriño para atrancar o desenvolvemento da concesión eólica que propuña a Consellaría de Industria, baixo dirección nacionalista.

Autogoberno, lingua e cultura, ausentes da proposta socialista

Segundo explicou o aspirante socialista o programa do PSdeG para o 21-O estará orientado en catro eixos: a creación de emprego, o crecemento económico, a blindaxe dos servizos públicos básicos e unha nova política fiscal máis progresiva.

No discurso non houbo nin unha soa mención ao autogoberno. Nin tan sequera a unha posíbel reforma do estatuto de autonomía, que o PSOE propuxo en varias ocasións ao longo da lexislatura que cesa. Tampouco recolleu ningunha referencia á lingua e cultura propias de Galiza. Limitouse, en liñas xerais, a traspor para os comicios galegos as propostas que o seu partido formula a nivel de Estado.

Comentarios