Pachi Vázquez escenifica a súa reconciliación con Caballero cun discurso localista

O líder do PSdeG desfaise en eloxios ao alcalde de Vigo, con quen mantivo agres enfrontamentos, e promete derrogar a Lei da Área Metropolitana durante un acto en que se gabou Caixanova.
Pachi Vázquez e Abel Caballero en Conxemar
photo_camera Pachi Vázquez e Abel Caballero en Conxemar

Manuel, Pachi, Vázquez, candidato do PSOE á presidencia da Xunta de Galicia, ofreceu este mércores un almorzo informativo en Vigo en que escenificou de forma pública a súa boa relación actual co rexedor da cidade, Abel Caballero, con quen mantivera fortes disputas nos últimos tempos. Diferenzas que semellaron quedar arranxadas cun discurso en que o líder d@s socialistas galeg@s apostou por un ton localista moi na liña do que habitualmente mantén o alcalde vigués.

De feito, e malia aos moitos problemas económicos e sociais existentes en Galiza, Pachi Vázquez non dubidou en afirmar que, de saír elixido presidente da Xunta, a súa “primeira medida” sería “derrogar a Lei da Área Metropolitana de Vigo”. “Abel Caballero levantou a bandeira e cravouna no medio da cidade cando veu Feijóo dicir que habería área de Vigo sen Vigo”, expuxo Vázquez, que protestou porque “non se lle dá” a cidade máis populosa de Galiza “a importancia que merece”. “Pero a Xunta sempre se estrela aquí”, engadiu.

Ademais, Vázquez defendeu a convocatoria que no seu día fixo Abel Caballero --ao que definiu como “amigo”-- dunha manifestación en contra da fusión das caixas galegas. “Por desgraza o tempo deulle a razón. A fusión non era unha boa idea e agora non queda nada”, dixo o líder socialista, que con ese argumento deu pé a que Abel Caballero afirmase que “Caixanova era un proxecto sólido e consistente”. “Este alcalde e Vigo son a simbiose perfecta porque o seu coñecemento acumulado e a maior garantía de éxito”, coroou a xogada o candidato socialista.

Visita a Conxemar
Pachi Vázquez tamén visitou a XIV Feira Internacional de Produtos do Mar --Conxemar-- que ten lugar no recinto Ifevi da propia cidade viguesa, onde prometeu o seu “compromiso de apoio, de traballo para competir, facer grande Galicia e colocar Vigo no epicentro das políticas pesqueiras”. A maiores, comprometeuse a recuperar “os plans estratéxicos da conserva e o conxelado” elaborados polo goberno bipartito na pasada lexislatura “que foron paralizados por Feijóo”.

Comentarios