Pachi Vázquez continuará á fronte do PSdeG até o congreso extraordinario de 2013

A executiva nacional do PSdeG acordou por unanimidade a súa continuidade até o congreso extraordinario ao que porán data nun comité nacional o vindeiro 10 de novembro.

 
Reunión da executiva nacional do PSdeG
photo_camera Reunión da executiva nacional do PSdeG

Tras os resultados electorais, onde o PSdeG sufriu un agudo descenso perdendo 7 escanos e unha porcentaxe significativa de votos, onte se reuniu a Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG-PSOE. A dirección socialista decidiu convocar un congreso extraordinaria que terá lugar en 2013. O vindeiro 10 de novembro @s socialistas reunirán ao seu Comité Nacional para, en palabras do seu secretario de organización, “realizar unha profunda reflexión” e en que pecharán o calendario congresual.

Pablo García sinalou ao remate da xuntanza da executiva que a mesma “trasladou hoxe o seu apoio e recoñecemento unánime ao traballo desenvolvido polo candidato”, única mención interpretábel como un aval a Pachi Vázquez. Porén, dáse por feito que tras o congreso haberá recambio na secretaría xeral do PSdeG.

A dirección socialista galega agradeceu tamén o traballo da súa militancia durante a campaña.

Rubalcaba tamén ten problemas

Como pano de fondo á decisión d@s socialistas galeg@s estaría a lea interna que está a ter lugar a nivel federal no PSOE, onde se multiplican as voces que apostan polo relevo de Alfredo Pérez Rubalcaba como secretario xeral.

Os malos resultados, inesperados, en Galiza e a previsión dun desplome equivalente nas eleccións ao Parlamento de Catalunya do vindeiro 25 de novembro, están a axitar un debate cada vez máis público e notorio, onde figuras moi significadas do partido toman explicitamente posición a favor ou en contra da continuidade de Rubalcaba.

Comentarios