Pachi Vázquez busca sumar votos indecisos cun discurso que apela aos sentimentos

Afirma Pachi Vázquez que teñen constancia de que os votos indecisos están a decantar polo PSdG-PSOE. Nun discurso con invocación ás persoas que padecen a crise, o candidato á presidencia da Xunta polo PSdG-PSOE presentou a súa proposta en Muros, coa presenza do escritor Suso de Toro, e mostrouse convencido en que despois do 21-O haberá un cambio de goberno.
Pachi Vázquez e Suso de Toro en Muros
photo_camera Pachi Vázquez e Suso de Toro en Muros

As enquisas que apuntaban cara a un notábel descenso dos socialistas pairaban na xornada electoral e o candidato do PsdG-PSOE apurouse a destacar en Muros, onde se desenvolveu o mitin matutino do domingo,  o grande índice de indecisión dos inquéritos. Votos sen definir que, segundo sinalou, se están a decantar cara a súa formación política. Asegurou estar convencido de que despois das eleccións a Xunta de Galiza estará gobernada por un goberno de progreso, presidido polo PSOE. 

Na busca deses votos indecisos Pachi Vázquez apurou un discurso cada vez máis baseado nos sentimentos, apelando a termos con gran carga emocional como corazóns, mans unidas ou ilusións para convencer a un electorado con que tentará darlle volta ás espectativas electorais. O PSdG-PSOE está a poñer as cartas sobre a mesa xa desde os primeiros días de campaña e, neste sentido, o candidato se referiu en varias ocasións nas redes sociais ao video e canción de campaña das Xuventudes Socialistas: “Depende de ti, depende de nós, que non poñan prezo aos corazóns”. Pachi Vázquez conduciu desta maneira a súa intervención pola vía dos sentimentos, pola mención ás familias que aínda non tiveron oportunidade de mercar os libros de texto ou polas persoas pensionistas que teñen que devolver os medicamentos nas farmacias. "Falar dos problemas da xente e dicir a verdade"  foi o seu punto de partida para presentar un programa que centrou en tres eixos "emprego, dependencia e igualdade para homes e mulleres". Referiuse, máis unha vez, ao plan de emprego que executará se chega a gobernar a Xunta. 

Gratuidade de medicamentos e libros de texto son dúas das medidas ás que se referiu fronte ao goberno dos recortes de Feijóo, máis unha vez na liña  do discurso dos sentimentos inzado de palabras e frases en que apelar á emoción do electorado para convencer da conveniencia dun cambio de goberno.

Con anterioridade a alcaldesa Caridad González e o candidato pola Coruña, Francisco Caamaño tomaron a palabra para centrar as súas intervencións nos “catro anos perdidos” do goberno de Feijóo. Caridad González denunciou que en todo este tempo, nin o presidente nin ningún membro do seu goberno a recibiu en San Caetano como alcaldesa de Muros mais, sinalou, non foi só cousa de ser socialista. Segundo dixo, a inoperancia do goberno de Feijóo e o desleixo co país fixo que non atendesen tampouco moitas solicitudes de alcaldes populares.

Francisco Caamaño explicou a súa aparición na escena política galega por querer estar “coa xente que fixo que eu puidese estudar desde a Costa da Morte”. Calificou de “misterio” o goberno de Feijóo e apostou por “defender o noso desde aquí, sen agardar ”por España nin Europa”, no mesmo día que importantes referencias do seu partido a nivel de Estado rexeitaban calquera posibilidade de independencia para Catalunya.

Comentarios