Pachi Vázquez acusa ao PP de "ver a sanidade como un negocio"

O candidato do PSOE participou nun acto relacionado co Día Mundial do Cancro de Mama, onde se acusou a Feijóo de “falta de sensibilidade” con esa doenza.
Pachi Vázquez no encontro con mulleres en Ourense
photo_camera Pachi Vázquez no encontro con mulleres en Ourense

O candidato do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, participou esta mañá nun acto sectorial no Dia Internacional do Cancro de Mama, no que “como médico” dixo que para vencer ao cancro “hai que perderlle o medo a esta enfermidade” e afirmou que “a mellor política sanitaria é a prevención, por iso nin un milímetro en concesións en medidas de prevención de saúde publica”. 

Pola súa parte, a deputada socialista Carmen Acuña denunciou no mesmo acto a “absoluta falla de sensibilidade do Goberno de Feijóo diante da prevención do cancro de mama”. “Presumen de xestión e resultados pero non lles treme a man ao suprimir mamógrafos móbiles e mamografías da carteira de servizos”, dixo.
“Feijóo non fala dos problemas reais, hai que poñerse de pe, non hai que agochar a cabeza, hai que mirarlle aos ollos á xente, e non hai contar contos, hai que dicir verdades”, engadiu Vázquez.

Volvendo a cuestións máis xerais, Pachi Vázquez indicou que “é momento da xente con ilusión e con esperanza”. “Toca dicirlle á mocidade de Galicia que imos mirar o futuro sen medo, e que si é posible crear emprego na nosa comunidade. Imos deixar de chorar e poñernos a traballar, cara adiante pero sen deixar a ninguén atrás”, engadiu.

Comentarios