Outro informe de Contas destapa novos desprazamentos irregulares de gastos da Xunta

O Consello de Contas detectara que o goberno de Núñez Feijóo desprazara no seu primeiro ano no poder, 2009, uns 80 millóns de euros de gastos do Sergas
Consello de Contas
photo_camera Consello de Contas

As auditorías do Consello de Contas non dan tregua a Núñez Feijóo. Tras o informe que advertía que a Xunta desprazou irregularmente 411 millóns en facturas de 2010 a 2011 para rexistrar así menos déficit; agora volve sair a luz unha nova auditoría. Nesta apúntase que xa en 2009, primeiro ano de goberno do PP de Feijóo, o executivo optara por distorsionar as contas orzamentarias ao mover pola volta de 80 millóns de euros a 2010. Esta auditoría foi aprobada sen que desde a Xunta de Galiza se fixese ningunha alegación aos respecto. Xa que logo, deu o visto e prace ao resultado do informe do Consello de Contas.

Práctica habitual de Fraga e Feijóo

Este organismo fiscalizador ten sinalado nos seus informes e documentos que o desprazamento irregular de gastos dun exercicio a outro foi moeda común durante os anos de mandato de Manuel Fraga. Tras unha paréntese no bipartito, a chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta volveu converter en común esta medida contábel coa que se van trampeando as contas, traspasando facturas e gastos dun exercicio a outro. Isto, como denunciou a oposición en varias ocasións, xera unha bola de neve. 

A semana pasada, o informe do Consello de Contas de Galiza en que se desvela que a Xunta trasladou irregularmente facturas por valor de 411 millóns de euros do exercicio 2010 a 2011 foi respondido por Feijóo con que era unha práctica habitual e non irregular. Mais grazas a esta 'camuflaxe' descuberta agora pola auditoría do Consello, a Xunta presentou en 2010 un déficit do 2,37%. O teito fixado polo goberno central para as comunidades autónomas era do 2,4.

Esta desviación irregular de máis de 400 millóns permitiu a Feijóo cumprir co limite imposto desde Madrid para alén de ser empregada por Feijóo, presumir de cumpridor.

Críticas

Daquela, o  voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, consideraba que os resultados da auditoría do Consello son máis que preocupantes. Dunha banda, mostran que Núñez Feijóo "vive na mentira permanente" tanto á hora de cadrar as contas "como en temas como o eólico ou Pemex". Doutra, prosigue Guillerme Vázquez, "temos que preguntarnos canto máis hai que seguir derivando para cadrar o déficit e esa famosa solvencia"


Comentarios