Os bispos galegos fanlle a campaña ao PP e chaman a votar ''libremente'' polos antiabortistas

Apelando ao seu ''deber de pastores'' emiten un comunicado en que din non identificarse con ningún partido político. Porén, piden o voto para a dereita
Aborto libre
photo_camera Aborto libre

Din os bispos galegos nun comunicado de imprensa que "a Igrexa non se identifica con ningún partido político". Porén, e seguindo os pasos da súa cúpula estatal, a Conferencia episcopal española, que hai unhs días pediu o voto "pola unidade de España", os catro representantes das dióceses galegas e o arcebispo Julián Barrio veñen de asinar un texto en que adoutrinan sobre "o home" e "a sociedade".

Nel piden abertamente o voto pola dereita antiabortista, pola familia tradicional e pola solidariedade como premisa para a atención dos grupos sociais máis desfavorecidos, omitindo a obriga das institucións públicas, nomeadamente da Xunta de Galiza, de garantir que os dereitos fundamentais sexan gratuítos e universais.

Contra a soberanía das mulleres sobre os corpos
Apelando ao seu "deber de pastores" chaman os relixiosos a "escoller libremente" @s nos@s representantes polític@s, mais colocan "algúns criterios" a ter en conta á hora de emitir o voto. O primeiro redunda no posicionamento claro en contra da soberanía das mulleres sobre os nosos corpos, apelando a "defender a vida humana desde o momento da súa concepción até a morte natural". Apuntan os bispos a necesidade de que @s galeg@s acudamos ás urnas coñecendo primeiramente a xestión dos partidos políticos que concorren aos comicios.

Con todo, á hora de clamar pola defensa "da vida humana en toda circunstancia" esquecen mencionar as políticas de benestar que se aplicaron, marcadas pola privatización e o desmantelamento dos centros de día, as escolas infantís e mesmo os hospitais. O traballo dos coidados recae sobre as mulleres, as que a Igrexa e PP responsabilizan directamente da caída da natalidade na Galiza na Lei 3/2011, apelidada de apoio á familia e á convivencia. A norma foi aprobada conforme unha ILP promovida pola Red Madre, o Foro español de la familia ou a Confederación católica de padres de alumnos.

''Unión esponsal entre home e muller'': a única familia que entende a Igrexa
A seguinte premisa colocada no comunicado dos bispos aparece tamén nesa Lei: "favorecer o matrimonio, como unión esponsal entre home e muller". É esta a única definición que a Igrexa católica admite como "familia" e, no marco desta, chaman máis unha vez a "favorecer as condicións de natalidade". Para os responsábeis das catro dióceses galegas é importante "fomentar unha real liberdade de educación integral", mais non mencionan tampouco que a Xunta de Galiza en mans do PP mantivo os concertos con colexios que separan o alumnado entre nenas e nenos.

Mantivéronos e manteranos, de volver gobernar, apelando "á liberdade" --en palabras do conselleiro Jesús Vázquez-- e a pesar dunha sentenza en contra asinada polo Tribunal supremo. Enmudecidos fican tamén os bispos sobre os recortes practicados en educación, cunha redución que deixou os centros con 2.500 docentes menos en tres anos sen tocar aquel@s que imparten aulas de relixión, pois abonda con que só unha ou un estudante queira cursar esta materia para que sexa ofertada no centro.

A dereita pechou escolas no rural e desmantelou o programa Preescolar na casa, que funcionaba ao ano cun millón de euros --a Xunta reparte tres millóns entre cinco centros que segregan por sexos. Os bispos coñecen ben esta realidade, mais miran cara ao outro lado e colocan entre os factores a valorar nunha formación política antes de a votar a atención "ás necesidades urxentes do ámbito rural e as inquedanzas das xentes do mar". Para alén da educación, as políticas dos últimos tres anos caracterizáronse polo desmantelamento dos sectores produtivos.

Comentarios