Os bispos fan campaña polo Estado español

Coas eleccións aos parlamentos galego, vasco e catalán no horizonte, os bispos reavivan unha instrucción pastoral de hai seis anos en que fan votos pola unidade do Estado español e contra os nacionalismos.
Conferencia Episcopal
photo_camera Conferencia Episcopal

Os bispos españois volven sacar á luz a instrucción pastoral do ano 2006 para engadir a última declaración da comisión permanente da Conferencia episcopal española. Preocupados pola ruptura do Estado español nun momento de crise económica e social, os bispos decidiron dirixirse “en especial aos católicos” mais tamén a quen desexe escoitalo para advertir do perigo dos nacionalismo. Na declaración da Comisión permanente da Conferencia episcopal española, os máximos rexedores da Igrexa católica manifestan sentir unha “grande inquietude” por “propostas políticas encamiñadas á desintegración unilateral deste unidade”. Din recoñecer, “en principio, a lexitimidade das posturas nacionalistas verdadeiramente coidadosas do ben común” mais advirten que “ningún pobo ou rexión que forma parte do Estado español podería entenderse, tal e como é hoxe, se non tiveses formado parte da longa historia de unidade cultural e política desa antiga nación que é España”.

Tíranlle o pó e recuperan o documento de 2006, a instrucción pastoral que eles mesmos titularan “Sobre os nacionalismos e as súas exixencias morais” para poñer como anexo da declaración da permanente para volver incidir sobre a súa crítica dos nacionalismos, oportuna cando as tres nacións sen estado teñen convocadas eleccións para antes do fin do ano.

Naquel documento agora de novo publicado e de acceso directo na web da Conferencia episcopal, alén de recoñecer a “lexitimidade das posicións nacionalistas que, sen recorrer á violencia, por métodos democráticos, pretendan modificar a unidade política do Estado español. Mais ensina tamén que, neste caso, como en calquera outro, as propostas nacionalistas deben ser xustificadas con referencia ao ben común.

Comentarios