O voto emigrante será menos decisivo este domingo

O cambio na lei prevé que a súa repercusión no resultado final sexa menor que en anteriores comicios, como consecuencia da obriga de rogar o voto. Desde a instauración deste sistema, en xaneiro de 2011, a xunta electoral xa non remite de oficio a documentación precisa para exercer o dereito ao sufraxio, senón que as persoas censadas tiveron que a solicitar antes do 22 de setembro, cando en Galiza aínda non se sabía que candidatos concorrían na carreira cara a Monte Pío.
photo_camera Reconto de votos da emigración nas eleccións do 22 de maio.

“A uma distância tal, eu estou em uma legislatura mais tarde. Eu voto no presidente que escolheu a Galiza na última eleição, pois era o que a maioria decidiu” asegura Ricardo Simões, de Rio de Janeiro, emigrante de segunda xeración que nunca estivo en Europa e que en ningunha ocasión deixou de votar. “Eu não tenho nenhuma intenção de conhecer a Galiza, mas o meu dever é votar porque é um direito que eu tenho como um cidadão europeu”, asegura escudándose na multa que o estado federal brasileiro impón aos que non se presentan nos colexios electorais.

As persoas emigrantes que residen en Europa, por norma xeral, teñen máis contacto coa terra. Así, Irene Diéguez, que abandona Alemaña cada agosto, desde hai 40 anos, para visitar Parada da Serra (A Gudiña), di que ten “contacto diario con Galiza” a través da TVG, e asegura estar “completamente informada”, por iso pensa que ten que “decidir o futuro”. Unha opinión diferente ten Rosa Guerra, que naceu en Suíza e pertence á xeración das redes sociais. “Nestas eleccións, ao ter que facer tanto trámite, deixei de exercer o meu dereito”, o que lle deu para pensar que “realmente non son eu quen teño que decidir o presidente dun país que visito cada dous anos e do cal só coñezo Vilariño de Conso”.

Un 14,74% do censo total de galeg@s son residentes ausentes. Esas 397.284 persoas suporían, de vivir no noso país, unha gran cidade, a maior, que sería quen de inclinar a balanza para un lado ou para outro. Mais desta volta, segundo os datos da Oficina do censo electoral, só solicitaron participar nos comicios do domingo 23.422 emigrantes, cifra ben diferente dos 76.024 votos válidos de 2009.

Isto fai pensar aos partidos que concorren nestas eleccións, que unha vez feito o reconto do voto emigrante, pouco pode influír, “aínda que depende de moitos factores, sería pouco desexábel que variase” afirma Montse Prado, Secretaria de organización do BNG e candidata a deputada polo Salnés. O BNG “pula pola limpeza e a claridade no voto emigrante”, e afirma que “a nova lei é un avance insuficiente”. Asegura que a súa organización sempre defendeu o “voto na urna no mesmo día en que se vota aquí, evitando así os cuestionábeis sistemas de correos dalgúns países”. Di que “ningún país de Europa ten tantos residentes ausentes”, polo que asegura que “poderían ter dereito ao voto aquelas persoas que teñan vinculación territorial, sen perder os vínculos afectivos que Galiza ten con moitos países”.

Pola súa banda, Marisol Soneira, unha das candidatas coruñesas ao Parlamento de Galiza, di que pode ser decisivo “se un candidato queda o domingo a poucos votos do escano e é do PP ou do PSOE, que son tradicionalmente os partidos aos que votan na diáspora”, pode que cambien os resultados que se escruten ao peche dos colexios electorais. Soneira acredita tamén nun día único para que todo o electorado exerza o voto, pois “nestes momentos se hai un xiro repentino na campaña os emigrantes xa non poden variar nada, pois a día de hoxe xa están as súas papeletas nos consulados”.
O candidato ourensán do PP, Miguel Santalices, di que a lei debe “garantir que todos os votos cheguen ao noso país” e asegura que a lei variará para “acadar un voto transparente tanto no momento da votación, como na recepción”.

O sufraxio no exterior quitou en 2009 un deputado ao actual goberno da Xunta, e en 2005 puxo en perigo a maioría obtida polo bipartito, pois só 6.317 votos os distanciaban da equipa de Manuel Fraga.

Malia a iso, as campañas no estranxeiro baixaron a intensidade desta volta. O BNG, non desprazou os seus candidatos, e realizou a campaña no estranxeiro cos militantes que residen fóra, como en Bruxelas ou en Londres.

Quen si viaxou foi Pachi Vázquez, que solicitou o voto a arxentin@s e uruguai@s, entrementres Laura Seara fixo o propio coas e cos parisienses. Suíza, Andorra ou Bruxelas, foron tamén puntos estratéxicos da campaña socialista.

O PPdeG, que tradicionalmente era o partido que abandeiraba a campaña da diáspora, fixo unha intensa precampaña enviando destacados das súas filas cos eufemismos característicos para pedir o voto sen o pedir. No entanto, en campaña, deixou que ese traballo o fixese Génova, para aforrar recursos e “cazar” votos de galeg@s e vasc@s. Así, os candidatos ourensáns, os que máis viaxaban a América en campaña, por mor do elevado número de residentes ausentes nesa provincia, desta volta ficaron no territorio de Baltar.

Comentarios