O Tribunal Superior desautoriza o PP ao resolver que as manifestacións non son actos electorais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza defende o dereito de manifestación contra a resolución das subdelegacións do goberno de Pontevedra e Ourense que denegaron á UGT e CCOO o dereito de se manifestaren o día 8 de outubro por estar en período electoral. Máis unha vez, o PP se enfronta á xustiza pola súa interpretación da lei electoral.

A sentenza do Tribunal Superior dálle a razón a UGT e a CCOO nas súas denuncias contra as subdelegacións do goberno de Ourense e Pontevedra que impedían o dereito de reunión ao estaren convocadas as manifestacións en período electoral. A sentenza alude á incompetencia das Xuntas electorais para decidiren arredor dun dereito fundamental e remítese á LOREG para asegurar que por estar en tempo electoral, as manifestacións non poden ser consideradas “actos electorais”.

A sentenza do Tribunal Superior bate contra as resolucións das Subdelegacións do goberno de prohibición das manifestacións convocadas polos sindicatos baseadas en informes das Xuntas Electorais Provinciais que indican como única razón da denegación “a coincidencia coa campaña electoral”.

O Tribunal Superior estima o recurso contencioso-administrativo interposto polos representantes legais dos sindicatos contra a resolución das Subdelegacións do Goberno “anulando as resolucións recorridas por resultar vulneradoras do dereito de reunión, con expresa imposición de costas á administración demandada”.

Comentarios