O PT repartirá sobres electorais con semente de repolo

Coa iniciativa pretenden concienciar sobre a soberanía alimentar. O Partido da Terra presentou ademais un recurso na Xunta Electoral para imprimir as súas papeletas no Acordo ortográfico do portugués.
repolo, horta, vexetal, agro
photo_camera Repolos

O Partido da Terra vén de anunciar que no marco da súa campaña electoral distribuirán sobres semellantes aos electorais, que en lugar de conter papeletas levarán dentro semente de repolo. Con esta singular iniciativa din pretender concentrar a súa campaña “na concienciación sobre a soberanía alimentar”.

Cada sobre incluirá unha ducia de sementes, “suficientes para unha familia de catro persoas” --apuntan, as instrucións de uso e mesmo as propiedades do repolo, un produto de horta “rico en vitaminas C, A, cálcio e β-caroteno, e con alto contido en fibra”. O PT publicará nas redes sociais os lugares, días e horas nos que distribuirán as sementes.

Presentan recurso para imprimir as súas papeletas no Acordo ortográfico do portugués

Asemade o PT presentou un recurso contra a resolución da Xunta Electoral Galega que lle denegaba a validación das papeletas que propuxeron, por estaren redactadas no Acordo ortográfico do portugués, norma recollida nun tratado internacional asinado en 1990 por países da Lusofonía. A Xunta Electoral fundamenta a súa resolución contra a proposta de papeletas por non estaren redactadas “de acordo coas normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas pola ‘Real Academia Galega da Lingua’, autoridade recoñecida pola disposición adicional da Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüísitca de Galiza“

Pola súa banda, o Partido da Terra alega que non existe ningunha disposición legal que impida que as papeletas impresas e distribuídas por si propios empreguen o Acordo ortográfico. Aliás, argumentan que non existe unha norma ortográfica “oficial” para o galego e que non hai ningunha instrución xurídica que ordene o uso dunha determinada norma.

Comentarios