O PSdG escollerá Pachi Vázquez como candidato

O ex ministro Xosé Blanco comunicou xa a renuncia a encabezar a listaxe das eleccións do 21 de outubro e o apoio a Vázquez. Pola súa banda, o secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, xa manifestou o seu apoio. 

"Hoxe ábrese a porta do cambio en Galiza", afirmou Vázquez, que leva anos querendo encabezar o cartel socialista. "Sentín o apoio de todo o partido e síntome con forzas e ilusión". Pachi Vázquez, secretario xeral do PSdG, será proposto candidato á presidencia da Xunta pola comisión executiva, o vindeiro sábado, no Comité Nacional do partido (integrado por 400 membros que representan a case todas as agrupacións locais).

O PSdG tiña previsto iniciar as primarias para escoller candidato a 6 de outubro, mais quedou desartellado o proceso co anuncio do adianto electoral. Ademais da de Vázquez, pode haber outras candidaturas que acaden o 20% de avais da militancia necesario: nunha entrevista recente, o ex titular de Xustiza, Francisco Caamaño, sinalou que pensaba presentarse.

Vázquez asegurou que o PSdG achega a posibilidade de "saír xuntos da crise, sen que recaia sobre os traballadores", modificando as políticas en sanidade, educación e dependencia, e reactivando economicamente todos os sectores en recesión (industria, construción naval ou pequeno comercio).

Comentarios