O PsdeG-PSOE propón crear un instituto galego de crédito

O candidato á presidencia da Xunta, Pachi Vázquez, prometeu a creación dun instituto de crédito cuxa finalidade sería o financiamento das Pemes.
Pachi Vázquez
photo_camera Pachi Vázquez, candidato polo PSdeG-PSOE

@s socialistas van debullando o seu programa e xa son diversas as promesas electorais anunciadas desde que presentaron o seu candidato á presidencia da Xunta. Esta mesma semana, Pachi Vázquez, comprometeuse nun acto desenvolvido en Vila de Cruces, a crear un instituto de crédito que viría substituír ao actual Igape, do que dixo “de pouco vale cando financia un crédito que nunca chega”. O candidato socialista, adiantou que a súa estrutura e funcionamento sería moi semellante ao constituído en Andalucía --a proposta do PSOE--.

Segundo @s socialistas, o novo instituto encamiñaríase á xeración dun tecido empresarial “máis competitivo” a través da creación dunha liña de crédito local, que poña fin aos "catro anos de desleixo do PP". Así mesmo, o candidato polo PsdeG-PSOE aseverou que a súa proposta “permitirá achegar directamente, e en condicións favorábeis, os recursos ás Pemes do sector agrícola, gandeiro, forestal e naval”.

A iniciativa presentada por Pachi Vázquez, sitúa de novo no punto de mira a necesidade de crear unha entidade financeira galega e pública que constitúa a principal fonte de financiamento para os sectores produtivos galegos. Neste sentido, o Bloque Nacionalista Galego, levou adiante unha iniciativa encamiñada á creación dunha banca pública galega. 

 

Comentarios