O PSdeG-PSOE insiste na súa mensaxe contra a abstención

Pachi Vázquez chama desde O Barco de Valdeorras a “converter o desánimo e a desilusión en votos”

A campaña electoral cara ao 21-O entra na súa recta final e iso deixase ver nos discursos. Pachi Vázquez volveu insistir máis unha vez no chamado a “converter o desánimo e a desilusión en votos”. Unha mensaxe coa que o candidato socialista, moi castigado polas enquisas publicadas até agora, pretende gañar terreo de aquí en sete días.

Vázquez recuncou tamén en poñer de relevo a especial importancia dos comicios do vindeiro domingo. Desde o mitin que o PSdeG realizou no Barco de Valdeorras, o socialista afirmou que “non nos xogamos si gaña o PP ou o PSdeG, xogámonos a educación e o futuro para os nosos fillos, que traballen ou non, que teñan oportunidades ou non, poder ir ao médico e non ter que pagar os medicamentos”. As advertencias diante de posíbeis novos recortes inzaron a súa intervención que centrou na defensa dos servizos públicos.

Un eventual segundo rescate volveu ser o pano de fondo. De se producir, Pachi Vázque asegurou que “non pagarán os grandes bancos, senón que o imos pagar todos”. Neste senso, o aspirante do PSdeG-PSOE fixo votos por “comezar en Galiza un movemento de esquerda que lle diga ao sistema financeiro que ten que pagar polo que fixo”, facendo duras críticas ás medidas adoptadas polo Goberno central para asistir á banca privada, malia non diferir do feito polo executivo de José L. Rodríguez Zapatero.

Comentarios