O PSdeG brindará o seu “apoio total” a Feijóo sobre Alcoa “cando publique no BOE” os seus compromisos

Pachi Vázquez carga contra “as mentiras de Feijóo” e pon en cuestión o anuncio realizado nun mitin polo candidato popular de que se manterá a tarifa eléctrica para a factoría de Alcoa.
José Blanco e Pachi Vázquez no mitin en Foz
photo_camera José Blanco e Pachi Vázquez no mitin en Foz

Pachi Vázquez expresou o seu “apoio total para resolver o caso de Alcoa” mais puntualizando “cando o publique no BOE”. O candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta, reaccionaba así perante o anuncio de Feijóo no que o candidato popular comprometía o mantemento da tarifa eléctrica para a factoría, condición demandada pola empresa para non abandonar o país.

O socialista fixo estas declaracións desde un mitin en Foz, no que estivo acompañado entre outros do ex ministro Pepe Blanco, onde alertou das “mentiras de Feijóo” con referencias ás cifras do déficit, discutidas por un informe do Consello de Contas, ou os contratos con PEMEX.

Vázquez criticou que Feijóo “anuncie unha orde que ninguén viu e agora pretende que deamos por arranxado o de Alcoa” e exixiulle “parar xa de contar mentiras”. Asemade, o candidato socialista apostou polo I+D+i como factor para favorecer o crecemento económico, desexando que “quen emigre non sexan os nosos fillos senón os nosos produtos”.

Comentarios