O PP quere vestirse de “galeguidade” cara o 21-O

Afirman querer desenvolver unha campaña “moi galeguizada e galeguista” ao tempo que Feijóo reivindica que “Galiza é España” e bate contra quen reclama soberanía.

O Partido Popular quere desenvolver, segundo afirman, unha campaña electoral “moi galeguizada e galeguista” rumbo ao 21-O. En troques, o seu candidato realizou numerosas declaracións públicas onde a orientación é a contraria.

Núñez Feijóo cargaba estes días contra o president Artur Mas polas súas declaracións en que apostaba por dotar Catalunya de “estruturas de estado propio”, ao fío da multudinaria Diada en que perto de dous millóns de persoas clamaron pola independencia. Feijóo desde a súa chegada a Monte Pío actuou como o ariete autonómico do discurso centralista do Partido Popular. Papel en que se reactivou tras a vitoria electoral de Mariano Rajoy.

Onte mesmo o presidente da Xunta reivindicaba que “Galiza é España desde hai cinco séculos”. Fixo esa declaración un día despois de que Francisco Jorquera, chamase a cidadanía galega a “apostar pola soberanía dando máis forza ao BNG”. A aseveración de Núñez Feijóo vai na liña doutras que o líder d@s populares galeg@s ten despregado ao longo deste mandato.

O nacionalismo galego acusa a Feijóo de actuar como “delegado do goberno en Galiza e non como presidente da Xunta”

En 2009 chegou a afirmar que “Castelao tiña clarísimo que Galiza era España”, nunha entrevista publicada nun xornal galego ao cumprirse os cen primeiros días de goberno. No seu primeiro debate sobre o estado da nación no Parlamento galego Feijóo asegurou en 2010 a súa vontade de ser “o defensor do galeguismo do século XXI”, nunha intervención en que invocou figuras como Vicente Risco ou Ramón Piñeiro e traduciu ao castelán unha cita do propio Castelao.

Ofensiva contra a lingua galega

O afán por vestir ocasionalmente de galeguista a súa acción de goberno, contrasta coas medidas desenvolvidas por este. A derrogación do decreto do galego --que provocou masivos procesos mobilizadores-- supuxo o maior retroceso na historia da autonomía nas política de promoción do idioma propio de Galiza, rachando o consenso político logrado coa Lei de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade no Parlamento galego durante un dos gobernos de Manuel Fraga.

Autogoberno anémico

O xa limitado marco de autogoberno autonómico sufriu un evidente estancamento. Non só non se avanzou na transferencia de competencias pendentes, senón que a Xunta do Partido Popular non exercitou algunhas das cales xa ten transferidas, como puxo en evidencia a decisión do executivo de Feijóo de non recorrer a modificación da LORCA --como lle exixía o BNG-- deixando na práctica sen efectos a lei galega de caixas e que provocou a bancarización das caixas galegas. A “anemia” do autogoberno galego deu lugar a que desde o nacionalismo galego se acusase a Feijóo de actuar como “delegado do goberno en Galiza e non como presidente da Xunta”.

Sucursalismo

As reiteradas visitas a Madrid de Feijóo, moitas veces para participacións mediáticas --nomeadamente en medios españolistas e ultraconservadores--, mereceu a crítica dos grupos de oposición. Todo o mandato estivo baixo a sombra dun posíbel salto á política española, para o que a presidencia autonómica serviría de trampolín. O seu nome soou con forza para asumir o ministerio de Sanidade tras a investidura de Mariano Rajoy. Alberto Núñez Feijóo exerceu en numerosas ocasións como portavoz desde a periferia do discurso do PP, definido desde a rúa Génova, defendendo con dureza a política de recortes, mesmo cando vulneraba competencias autonómicas.

Comentarios