O goberno español atranca o voto por correo no exterior

Galiza Nova denuncia os atrancos padecidos pola mocidade afincada no estranxeiro durante o procedemento de solicitude do voto.

A secretaria xeral da organización xuvenil do BNG, Iria Aboi, vén de denunciar os múltiples impedimentos que está a sufrir a mocidade galega no exterior para poder exercer o seu dereito a voto.

Neste sentido, Aboi sinalou que moz@s galeg@s afincad@s en Xalapa (Mexico) tiveron que se desprazar até Mexico DF para solicitaren o voto por correo, malia situarse o Consulado español máis próximo en Veracruz. Segundo informou a secretaria xeral de Galiza Nova, @s moz@s foron “informad@s da imposibilidade de se inscribiren” na devandita oficina e foron emprazados a se desprazaren até a capital mexicana para facelo. Perante a negativa da mocidade, o consulado ameazou con lles retirar o pasaporte –documento sen o cal non se pode exercer o dereito a voto desde o estranxeiro--.

Para Aboi, o acontecido foi “unha aberración antidemocrática” pola que debe responder o ministerio de Asuntos Exteriores. Aliás, lembrou que noutros procesos electorais anteriores, “a documentación para votar chegou despois de se celebraren os comicios”, poñendo de exemplo o caso de persoas residentes en Laos; ou mesmo o estudantado afincado en Belfast ten que viaxar até Edimburgo (Escocia) para exercer un dereito fundamental como o do sufraxio activo.

Iria Aboi, ironizou co “curioso” que é ter que percorrer 300 km para poder votar, entrementres “noutros até votan os mortos”. A secretaria xeral das mocidades nacionalistas denunciou que sexa máis doado exercer un dereito fundamental para “un neto de emigrante en Arxentina que a unha moza que vai de Erasmus”.

Desde a organización xuvenil, aseguran que seguirán denunciando todos os casos en que teñan constancia de se producir atrancos no exercicio do dereito a voto para aquelas persoas que se atopen fóra da Galiza “por estudos ou traballo”, concluíu Aboi.

Comentarios