O 'Falcón' de Rajoy e o 'Paxariño Novo' de Feijóo, dous escándalos de inicio e fin de campaña

Mariano Rajoy desprazouse a Ourense e Vigo para participar nos mítines de fin de campaña do PP nun Falcon que o exército pon ao dispor da persoa que ocupa a presidencia do goberno para desprazamentos debidos ao seu cargo. O escándalo polo uso partidario de medios públicos pechou unha campaña que o PP iniciou co escándalo doutro vó, o que o presidente da Xunta en funcións fixo no Paxariño Novo , dun empresario galego afincado na Arxentina.

A pouco do peche da campaña facíase público que o presidente do goberno Español, Mariano Rajoy tiña viaxado a Ourense nun Falcón propiedade do exército español que a presidencia emprega en virtude do seu cargo. O uso de medios públicos con fins partidarios denunciado por El Periódico de Cataluña puña un ramo de escándalo a unha campaña que o PP comezou con outra polémica debida a un desprazamento polo aire en actos de campaña por parte do presidente da Xunta. Núñez Feijóo viaxou os pasados 15 e 16 de setembro a bordo do Paxariño Novo, dun empresario de Arxentina, a Montevideo e Bos Aires. O jet privado é propiedade do presidente do Clube Español de Buenos Aires, José Benito López Carballedo. 

Rajoy tiña criticado no seu momento o uso de medios do exército por parte de Zapatero en campaña política e mesmo tiña feito gala propagandística do seu uso de "vós regulares" como agora lembra o diario catalán. 

O PP mantén aínda na plataforma youtube un vídeo producido para a promoción de Rajoy hai tres anos que comeza con imaxes de Rajoy subindo a un avión de vó regular e unha persoa pregúntándolle se só empregaba ese tipo de transportes para os seus desprazamentos: "En que vou voar senón?" di Rajoy para, a continuación, afirmar que o emprego de medios públicos era cousa de Zapatero. Na lenda que acompaña o video de propaganda pódese ler: "Nin Falcóns, nin jets...". 

Comentarios