O derradeiro debate mostra a antítese entre PP e BNG

O derradeiro dos tres debates cara ao 21-O enfrontou aos candidatos do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo e do BNG, Francisco Jorquera. Feijóo centrouse en facer “oposición da oposición” cargando contra os acordos entre BNG e PSOE e teimando na idea do “bipartito”. Jorquera puxo voz no debate ás protestas sociais contra os recortes do PP e despregou propostas que amosan ao BNG como alternativa antitética ao PP. O candidato do BNG despediuse de Feijóo cun "Good night" no que foi a frase do debate.
Debate entre Feijóo e Jorquera
photo_camera Debate entre Feijóo e Jorquera

Como auga e aceite. O terceiro e derradeiro debate electoral antes do 21-O serviu para escenificar a existencia de dúas propostas ben diferentes. O cara a cara de maior contraste de entre os tres que tiveron lugar, enfrontou ao popular Alberto Núñez Feijóo e o nacionalista Francisco Joquera deixando patente o antagonismo entre o modelo de país e sociedade duns e outros.

Feijóo empregouse con maior vehemencia que nos anteriores debates contra do seu adversario, o que serviu para enfatizar máis se cadra as diferenzas. O popular optou na meirande parte do tempo por facer “oposición da oposición” cargando contra os apoios ofrecidos polo BNG ao PSOE, nomeadamente no ámbito estatal, e utilizando a candidatura de Beiras para golpear a fronte nacionalista.

Pola súa banda Jorquera desenvolveuse cun tono máis firme e centrouse en traer ao debate as problemáticas “da xente real” fuxindo do terreo enlamado das estatísticas oficiais coas que o candidato popular tentou xustificar a súa xestión. O nacionalista ofreceuse como “Presidente honesto, humilde e que non minta a xente”.

Bipartito vs “Feijoy”

Desde o primeiro minuto Núñez Feijóo despregou o que sería a súa principal liña argumental: o cuestionamento dos acordos entre PSOE e BNG. O popular encetou a súa primeira intervención no debate afirmando que había dúas opcións “ou bipartito como de 2005 e 2009 ou un goberno sólido do PP”.

Jorquera a Feijóo: “Vostede foi máis un Delegado do goberno ao ditado de Rajoy que un Presidente da Xunta”

O guión de Feijóo foi tan claro como persistente até o extremo. “As políticas do PSOE e BNG trouxeron a crise” chegou a dicir. Ante as reiteradas referencias ao PSOE Jorquera retrucou a Feijóo sinalándolle que “se o que quería era debater co PSOE desaproveitou a oportunidade o luns”. “Segue instalado na oposición ao goberno Zapatero porque non ten balance que presentar” acrecentou o nacionalista

“A política pode cambiar as cousas” dixo Jorquera, quen conciliou a dureza na crítica contra as políticas “antisociais” do PP e unha chamada optimista ao cambio. O candidato nacionalista puxo en evidencia con numerosos exemplos a obediencia de Feijóo a Rajoy.“

Vostede foi máis un Delegado do goberno ao ditado de Rajoy que un Presidente da Xunta” espetoulle advertindo de que “votar PP é votar Rajoy e darlle un cheque en branco para máis recortes”.

Mario Conde

O cabeza de cartel do BNG expresou en varias ocasións que a fronte nacionalista descarta re-editar un goberno bipartito nos mesmos termos que en 2005. “O BNG condicionará calquera acordo a que sirva para un cambio de rumbo real” explicou. Foron varias as críticas do nacionalista ao “xiro antisocial” do PSOE que exemplificou nas reformas laborais, do sistema financeiro ou a constitucional “que contaron co apoio do PP e sempre co voto en contra do Bloque”.

"Se cadra son vostedes os que teñen que pactar con Mario Conde” Feijóo

Mais un posíbel pacto BNG-PSOE non foi a única hipotética coalición presente no debate. “Non acordarei ningún bipartito como o do PP con Mario Conde” dixo Jorquera nos primeiros minutos. As referencias ao ex banqueiro foron numerosas ao longo de todo o debate. Feijóo insistiu en negar tal acordo, e mesmo afirmou que “se cadra son vostedes os que teñen que pactar con el” provocando unha sonora gargallada no candidato nacionalista, quen se reiterou en que “se o PP perde a maioría absoluta vai ter que pactar con Baltar e con Conde”.

Desemprego

O debate que mantivo a mesma estrutura en bloques temáticos que os outros dous, centrouse fundamentalmente na situación do emprego, nos servizos públicos e no autogoberno.

“Detrás destas cifras agóchanse dramas reais” Jorquera

Feijóo malia recoñecer as graves cifras de desemprego, que atribuíu ao contexto de crise, asegurou que “calquera Presidente autonómico asinaría un balance coma este”. Na antítese colocouse Jorquera, quen asegurou que “as súas políticas agravaron o problema”. O nacionalista puxo enriba da mesa as principais problemáticas sociais que enumerou citando “as 113.000 persoas que perderon o seu emprego nestes catro anos, os 60.000 mozos e mozas que tiveron que emigrar” así como a grave crise que atravesan “todos os sectores produtivos”. “Detrás destas cifras agóchanse dramas reais” dixo o nacionalista quen acusou a Feijóo de tentar vender “os mundos de Yuppie”.

O popular tentou zafar das duras críticas sobre o seu balanzo en emprego cunha contraposición estadística. “Vostede utiliza os datos da EPA e eu os do paro rexistrado” explicou .

A voltas co déficit e a débeda pública

As contas públicas estiveron tamén presentes no debate. Feijóo recuncou máis unha vez en gabarse de que Galiza sexa “a comunidade máis solvente do Estado”. Unha radiografía ben diferente foi a realizada por Jorquera. O nacionalista acusou a Feijóo de “multiplicar por 11 a débeda creada polo anterior goberno”. “Vostede xerou máis débeda que todos os gobernos anteriores xuntos” denunciou, do que o popular se defendeu alegando que “a débeda galega é das máis baixas do Estado”.

Para Jorquera a crise "non é resultado do exceso de gasto público senón do modelo de capitalismo salvaxe”

O informe do Consello de Contas no que se recolle que o goberno Feijóo tería trasladado 411 millóns de gasto do exercicio 2010 ao 2011, falseando as contas, tamén foi mencionado. Núñez Feijóo restoulle credibilidade, sen negar de xeito explícito a acusación, afirmando que se trata dun anteproxecto que será alegado pola Xunta. “Un anteproxecto si, mais asinado nada menos que por un ex conselleiro de economía dun goberno Fraga” retrucoulle Jorquera.

Mentres o popular insistía na necesidade das políticas de austeridade para poder “saír da crise” ao tempo que se comprometía a que os vindeiros anos haberá crecemento económico, Jorquera negou a maior e cuestionou a raíz argumental. “Esta crise non é resultado do exceso de gasto público senón do modelo de capitalismo salvaxe” explicou Jorquera quen reclamou a Feijóo “máis rigor e máis honestidade” á hora de abordar as cuestións económicas.

Balances enfrontados en ensino e sanidade

Enfrontados tamén foron os balances que o candidato popular e o nacionalista fixeron da situación dos servizos públicos. Mentres Feijóo volvía insistir en ter creado “6000 novas prazas nos servizos sociais” Jorquera botou man do rexeitamento social aos recortes en ensino e sanidade que tomou forma en masivas mobilizacións nos últimos anos. “En vez de gastar tanto tempo en ir a tertulias a Intereconomía fale coa comunidade educativa e pregúntelles como está o ensino. Fale cos pacientes do Sergas, co persoal sanitario, para ver a profunda preocupación social que existe polo efecto dos seus recortes” recomendoulle o nacionalista.

“Nunca fixen negocio coa sanidade pública” defendeuse Feijóo

As cifras cruzadas en relación ás listas de agarda serviron a oportunidade ao candidato do BNG para acusar ao popular de entender como negocio “o que debe ser servizo”, poñendo como exemplo as obras do novo Hospital de Vigo “que vai custar o triple que se fose público”. “Nunca fixen negocio coa sanidade pública” reaccionou un Feijóo acurrunchado quen asegurou que hai menos espera para as patoloxías graves que hai catro anos.

En ensino Feijóo citou a conxelación das taxas universitarias ou a creación dun 30% máis de prazas na formación profesional como referencias da súa “aposta polo ensino público”. Máis unha vez en fronte, Jorquera contrapuxo o peche de escolas públicas “mentres daban máis cartos aos centros privados”, denunciando que a consellaría actuou “como patronal do ensino privado”. Outra das críticas foi a referida ao peche do programa “Preescolar na casa” mentres “se destinaron 2 millóns de euros a colexios que separan nenas e nenos”.

Caixas e preferentes

Os preto de cen mil persoas afectadas pola estafa das participación preferentes estiveron tamén presentes no debate. Foi o candidato nacionalista quen primeiro fixo mención a esta problemática, cargando contra a “quita do 70%” aprobada polo Partido Popular en Madrid. En troques, Feijóo afirmou que a meirande parte das participacións foron subscritas durante o bipartito e Jorquera precisoulle que fora un goberno Aznar quen legalizou ese produto financeiro que priva dos seus aforros a milleiros de familias no noso país.

Jorquera sobre Feijóo: “Vostede di a máis gorda e queda tan ancho”

A situación das caixas foi un dos temas que xerou maior incomodidade entre o candidato do PP, que tentou en varias ocasións amortigüar as críticas do nacionalista invocando o acordo na Lei de caixas. Jorquera repeleu o que se presentaba como unha “aperta de oso” denunciando o cinismo de Feijóo. “Vostede di a máis gorda e queda tan ancho” dixo para a seguir lembrarlle “a Lei de caixas a modificaron vostedes a medida dos directivos que a arruinaron e de acordo coa reforma da LORCA que o PP apoiou”. O popular cambiou de terzo deseguido asegurando que estar “basicamente de acordo” co BNG e que “fixemos o que nos deixou facer o PSOE de Madrid”.

Pobreza e igualdade

“600.000 galegas e galegos viven por baixo do umbral da pobreza, o 25% dos nenos e nenas viven en fogares pobres, pero vostedes recortaron servizos e axudas sociais”. Francisco Jorquera puxo de relevo o crecente empobrecemento que padecen amplas capas sociais por mor da crise e dos efectos das políticas de recortes. Feijóo pola súa banda quixo ver o vaso medio cheo dado que a pobreza galega é menor en relación ao nivel promedio no Estado.

"Que pensa facer vostede con Castelao Bragaña? Cando o vai expulsar do PP?"

Demoledora foi tamén a crítica do candidato do Bloque ás políticas de igualdade desenvolvidas pola Xunta, que resumiu nunha denuncia: “vostedes queren que as mulleres traballen gratis na casa atendendo dependentes e cativos”. O único mérito neste eido do que fixo gala o popular foi ter concentrado todos os departamentos que xestionaban políticas de igualdade nunha “única secretaria xeral” dependente da Presidencia.

Tampouco se pasou por alto a polémica suscitada ao fío dunhas declaracións do exdeputado do PPdeG, José Manuel Castelao Bragaña, nas que afirmou que “as leis son como as mulleres, están para ser violadas”. ·"Que pensa facer vostede con Castelao Bragaña? Cando o vai expulsar do PP?"· inquiriulle Jorquera a Feijóo. O lider popular deu a calada por resposta.

Autogoberno

O terceiro bloque temático, o dedicado ao autogoberno e autonomía, motivou tamén fortes discrepancias. “Están baleirando o autogoberno” criticou Jorquera, facendo mención a eidos como as caixas, o comercio, a pesca ou o sector leiteira, nos que segundo o nacionalista a Xunta do PP tería renunciado a exercer as súas competencias.

“Vostedes co seu apoio ao PSOE non conseguiron unha soa transferencia nova” defendeuse Feijóo. “Nós concluímos a da policía autonómica” dixo, o que foi retrucado por Jorquera ao sinalar que “ampliar os efectivos non é ningunha competencia”.

 Segundo Jorquera, Feijóo “non cre en Galiza e unicamente aspira a facer carreira en Madrid”

A Lei de caixas --a pesar do acordo entre PP e PSOE na LORCA que a tombou en Madrid-- ou o catálogo de medicamentos foron as dúas bandeiras coas que Feijóo tentou trasladar a idea de compromiso co autogoberno. “Mesmo presentei un recurso de inconstitucionalidade polo incumprimento do plan de financiamento [no goberno socialista]” dixo.

Argumentos que non lle valeron a Jorquera quen acusou ao actual Presidente da Xunta de ter sido “un mero delegado do Goberno de Rajoy permitindo a invasión de competencias”, feito que o nacionalista cre que se debe a que Feijóo “non cre en Galiza e unicamente aspira a facer carreira en Madrid”. “ A súa prioridade é non ser un problema para Rajoy, inda que as políticas de Rajoy sexan un problema para Galiza” sentenciou

Fronte as propostas do BNG nas que reclaman máis autogoberno para “que o pobo galego goberne a súa terra e que Galiza poida vivir do seu traballo”, coas miras postas en lograr que Galiza participe de pleno dereito nas decisións da UE a respecto do naval, da pesca ou do leite, Feijóo manifestou que “eu quero ser unha parte de España” e afirmando sentirse “tan galego como español” volveu invocar a “Galiza libre e plural, sen imposicións”.

“Good night” Feijóo

O debate concluíu con Feijóo desexándolle boa sorte na campaña ao seu contrincante, que Jorquera fixo recíproca “só no persoal”. Precisamente Jorquera daría a frase da noite cando se despediu do popular cun “Good night”, como crítica aceda ao discurso lingüístico do PP.

A moderadora Marga Pazos despediu o último debate desta campaña cun recado: “Non pode ser a última vez que os partidos se poñen de acordo para que haxa debates”.

Comentarios