O BNG reclama un concerto económico para frear os recortes e evitar "a emigración dos nosos impostos”

A fronte nacionalista presentou en Vigo as súas propostas económicas nas que reivindican o carácter estratéxico do sector primario, apostan pola reindustrialización do país e defenden a necesidade dunha banca pública galega e a promoción do I+D+i
Jorquera falandodiante de responsábeis da UGT, CIG e CCOO
photo_camera Jorquera falando diante de responsábeis sindicais da UGT, CIG e CCOO


Nun acto nacional desenvolto no corazón do Casco Vello vigués, o BNG presentou as súas propostas en materia de economía e fiscalidade. A candidata número dous por Pontevedra, Carme Adán, foi a encargada de presentar o encontro no que interviron todos os cabeza de lista provinciais, o economista Xavier Vence e máis Francisco Jorquera.

Na súa introdución, Adán afirmou que “no BNG queremos falar de economía, mais de economía para a vida, para as persoas, non só de cifras” facendo mención expresa ao colectivos máis castigados pola crise e as políticas económicas do PP. “O BNG apostamos por un cambio radical, xa non caben remendos porque as costuras están a estourar, necesitamos outro traxe” asegurou Carme Adán sinalando a intervención pública na economía como unha das principais chaves da súa proposta.

Tamén no inicio do acto fíxose referencia ao Responsábel comarcal da CIG de Ferrol, Xosé Anxo Pintos, a quen @s nacionalistas expresaron todo o seu apoio tras ser “represaliado por defender os dereitos da clase traballadora”. “Así as gasta o PP” denunciou Adán.

Un concerto económico para facer fronte aos recortes

O candidato nacionalista á Presidencia da Xunta, a quen o economista Xavier Vence se referiu como o “Paco Cachamuíña co que reconquistaremos o país expulsando o xeneral invasor que é Feijóo”, nunha aplaudida alusión á Reconquista viguesa, centrou a súa intervención en explicar de xeito debullado a aposta do BNG por un novo modelo de financiamento e outra política fiscal.

“Exiximos que o sistema impositivo sexa socialmente xusto” di Jorquera 

En relación á fiscalidade, Jorquera insistiu na necesidade dunha reforma fiscal que desde os principios de progresividade e equidade, faga que “quen máis teña, máis pague”. Idea que contrapuxo coa política impositiva desenvolvida polo Partido Popular desde a Xunta e o Goberno central que “empobrece á maioría social” por “subir os impostos ás e aos asalariados e autónomos, sen meterlle man ás grandes fortunas”. “Exiximos que o sistema impositivo sexa socialmente xusto” clamou cargando as tintas contra “as baixadas de impostos aos grandes capitais” e a “nula persecución da fraude fiscal” realizada polo PP.

Aliás, a proposta central foi a defensa dun “concerto económico” para Galiza, equivalente ao vasco ou ao que tamén reclama Catalunya, co que @s nacionalistas pretenden acadar a plena autonomía financeira para Galiza para “termos recursos suficientes para atender as necesidades sociais e reforzar os servizos públicos como sanidade ou ensino”. Segundo Jorquera que Galiza se dote dun “concerto económico” propio fará que o noso país fique mellor preparado para enfrontar os efectos da crise económica.

Para Jorquera o actual modelo de financiamento “condena a Galiza á dependencia económica”

O BNG cuestiona o actual modelo de financiamento “que descentraliza o gasto para as comunidades autónomas, mais que é completamente centralista na xestión dos ingresos”. Un modelo que para a fronte nacionalista “condena a Galiza á dependencia económica do Estado”. Neste senso, Francisco Jorquera fixo fincapé en explicar que “é falso que vivamos nun País subsidiado” lembrando que o Estado recada en Galiza 3.000 millóns máis dos que transfire á comunidade autónoma.

Asemade, Jorquera insistiu na idea de evitar o que deu en chamar “a emigración dos impostos galegos”, en referencia a que importantes empresas galegas ou que desenvolven boa parte da súa actividade no noso territorio tributen en Madrid, tomando como exemplos Inditex, Citroen ou Fenosa. “Inditex malia ter a súa sede en Galiza non paga impostos aquí, senón en Madrid e mesmo unha parte en Euskadi, polo concerto económico dese territorio” denunciou.

Defensa do carácter estratéxico do sector primario

No acto tomaron a palabra tamén os números un das candidaturas nacionalistas por Lugo e Ourense pedindo o voto ao BNG “para que a terra e o mar sexan protagonistas das políticas do Goberno galego”. Cosme Pombo, defendeu que “a enerxía galega ten que servir para crear postos de traballo na nosa terra”. 

Tereixa Paz aposta por “exercitar a nosa soberanía para defender o noso dereito a producir”

Pola súa banda, Tereixa Paz expresou o compromiso do BNG co sector primario, que entenden “estratéxico”, facendo unha aposta pola industria alimentaria e do mar e propoñendo “exercitar a nosa soberanía para defender diante do Estado, da UE ou mesmo da Organización Mundial de Comercio, o noso dereito a producir”. Paz denunciou o balanzo de Feijóo no que atinxe á pesca, con 212 embarcacións menos, e no leite. “Os nosos gandeiros están a recibir apenas 25 céntimos por litro de leite, o mesmo prezo de hai 30 anos” afirmou a nacionalista, situación que estaría a poñer en xaque ao sector por falta de rendibilidade económica.

Denuncia da falla de política industrial da Xunta

O candidato por Pontevedra, Carlos Aymerich, acusou ao goberno de Feijóo de carecer de política industrial. “O PP só teñen anuncios virtuais, como os contratos virtuais de PEMEX ou as fábricas de baterías para coches eléctricos que nunca chegaron” dixo. A respecto dos contratos coa petroleira mexicana, Aymerich denunciou que os contratos asinados son “papel mollado” ao unicamente comprometer “a reserva da capacidade de produción dos estaleiros para o caso de que finalmente se contraten con estes a fabricación dos buques”.

Segundo Aymerich "o PP carece de política industrial só fan anuncios virtuais"

As marcadas diferenzas do BNG coa política laboral impulsada polo Partido Popular, das que @s nacionalistas fixeron gala participando activamente en todas as folgas xerais dos últimos anos, tamén estiveron presentes no acto. Aymerich denunciou, en presenza de representantes da CIG, CCOO e UGT, que “a política laboral do PP, que se pon sempre ao lado dos empresarios que explotan, produciu 113.000 parad@s máis no noso país”. O candidato nacionalista concluíu a súa quenda mostrándose certo de que “se o voto non se divide o Partido Popular será derrotado” o 21-O.

Poñer a ciencia ao servizo do desenvolvemento económico

Enlazando co discurso de Aymerich, a actual portavoz parlamentar do BNG e número dous pola Coruña, Ana Pontón, reivindicou “o dereito a podermos vivir do noso traballo e parar a emigración”.

Pontón chama a "poñer a ciencai ao servizo do pobo e do desenvolvemento do País"

Para Pontón unha das claves para o desenvolvemento económico pasarían polo estímulo das políticas de I+D+i, criticando con dureza os recortes acometidos polo actual Goberno galego nese eido. “Queremos poñer a ciencia ao servizo do pobo e do desenvolvemento do noso país” explicou, comprometéndose a “rachar coa discriminación de xénero que inda persiste no campo da investigación”.

Banca pública galega

Por último o catedrático Xavier Vence volveu recalcar a necesidade de que Galiza conte con instrumentos de financiamento propios como requisito indispensábel para pular “por un tecido industrial de noso”.

Vence acusa aos "amiguetes do PP" de arruinaren as caixas galegas

Logo de denunciar que “os amiguetes do PP arruinaron as caixas coa súa estratexia descerebrada despois de as converter no seu couto privado”, Vence insistiu na proposta dunha “Banca pública galega”. Neste senso, o economista lembrou que xa Lois Peña Novo, en 1925, reclamara para Galiza “unha caixa nacional e un banco propio”, ao igual que Valentín Paz Andrade quen fora partidario dunha “banca galega de investimento”.

Comentarios