Guillerme Vázquez pide o voto da clase traballadora "para que teña quen a defenda" no Parlamento

O voceiro do BNG celebrou un encontro con delegados sindicais da CIG na Coruña en que insistiu en concentrar o voto na súa formación.
Guillerme Vázquez no encontro con delegad@s sindicais da CIG
photo_camera Guillerme Vázquez no encontro con delegad@s sindicais da CIG

Varias decenas de delegad@s da central sindical CIG participaron na Coruña nun encontro co BNG, que estivo representado polo seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez, a candidata número 3 pola provincia da Coruña, Ana Luísa Bouza, e o tamén candidato Suso Bermello. Durante o acto, Vázquez solicitou o voto das clases traballadoras “porque canta máis forza teña o BNG no próximo goberno galego máis forza terán os traballadores e traballadoras de Galiza para que a Xunta defenda os seus dereitos”. 

Guillerme tamén afirmou que son “máis os que queren un cambio de goberno que os que queren que siga Feijóo”. “O PP só pode gañar se se divide o voto que quere o cambio e leva a Galiza no corazón e á esquerda. A única garantía de que Feijóo abandone Monte Pío é o ascenso do BNG”, engadiu.

Pola súa banda, Ana Luísa Bouza subliñou que “o BNG está coa clase traballadora: estivemos nas folgas, nas manifestacións, contestando á patronal nos ERES, reclamando ao goberno que defendese @s traballador@s”. “Agora pedimos o voso apoio porque a única forma de facerlles fronte é que o BNG teña unha posición de forza no próximo goberno galego, para que o goberno da Xunta defensa á clase traballadora”, asegurou.

Bouza salientou como proposta do BNG en materia de emprego que pretenden “poñer o país a producir para crear empregos digno, coa Xunta asumindo un papel de defensa da industria galega”. “Non podemos permitir que se sigan destruíndo empregos no sector industrial, porque son empregos de moita calidade”, subliñou, antes de lembrar que o BNG non colaborará desde o goberno con “empresas que precarizan o traballo”. Por último, a candidata do Bloque cualificou a responsábel de Traballo e número 1 do PP pola Coruña, Beatriz Mato, como “a conselleira do desemprego” e avogou por derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012, do PSOE e do PP.

Comentarios