O BNG pide en Ponteareas frear a 'marea negra' do centralismo

Francisco Jorquera asegurou que o goberno de Feijóo foi “o peor da historia de Galiza” e chamou a concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG para que o PP non teña unha segunda oportunidade.

O Pavillón Álvaro Pino de Ponteareas acolleu o sábado o mitin do BNG. O candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, fixo un chamamento á cidadanía para non lle dar “unha segunda oportunidade” ao presidente saínte pois dixo, é “indigno e mentireiro”. O candidato do BNG, incidiu no informe feito público polo Consello de Contas, no que a sinatura dun ex-senador de Fraga, avalaba que o goberno de Núñez Feijóo, tería desprazado 441 millóns de euros dun exercicio contábel a outro para financiar o défice. Segundo o nacionalista, isto non é máis que un exemplo "das trampas de Feijóo". 

Jorquera, defendeu as propostas do BNG como alternativa á política de recortes desenvolvida polos gobernos do PP, cuxo resultado, dixo, “deixa 113.000 persoas máis nas listas do paro, 60.000 mozos e mozas na emigración, máis de 3.000 gandeiros que tiveron que pechar as súas explotacións e máis de 5.000 pequenas e medianas empresas liquidadas”.

Neste senso, o nacionalista presentou o programa electoral do BNG como un “proxecto de país” baseado nas “potencialidades de Galiza”, aseverou, fronte a un “Feijóo máis preocupado por facer política en Madrid”. Jorquera Caselas, defendeu un maior autogoberno para que Galiza “poida decidir “sobre a pesca, a enerxía, sobre o prezo do leite ou do naval” e a necesidade dunha reforma fiscal que faga pagar "máis a quen máis ten". 

"O cambio que Galiza precisa é posíbel”
O aspirante á presidencia da Xunta fixo un chamamento á cidadanía para que o 21-O “o pobo galego diga non á marea negra do centralismo, da perversión da democracia e da inxustiza social”, apelou o nacionalista ao espírito do Nunca Máis para mobilizar ao electorado arredor do BNG. “Se concentramos todo o voto nacionalista e de esquerdas no BNG Feijóo perderá as eleccións”, concluiu Francisco Jorquera afirmando que a organización frontista representa a “alternativa real ao PP”.

Comentarios