O BNG invoca o “Nunca Máis” contra a “marea negra de inxustiza social” que representa o PP

Jorquera afirma que o 21-O está en xogo o “modelo de sociedade” do futuro para Galiza. A escolla para o candidato nacionalista está entre o “modelo da inxustiza social da dereita” ou o modelo que “sitúa os intereses da maioría como prioridade” que representa o Bloque.
Presentación en Vigo da candidatura do BNG por Pontevedra
photo_camera Presentación en Vigo da candidatura do BNG por Pontevedra

No acto de presentación da candidatura do BNG por Pontevedra, celebrado onte en Vigo, Francisco Jorquera lembrou o “exemplo de dignidade colectiva” que segundo el supuxo o “Nunca Máis”. O candidato do BNG chamou a emular aquel grande proceso mobilizador contra da catástrofe do Prestige e os seus responsábeis políticos, para facer agora fronte á “marea negra de inxustiza social, de perversión da democracia e de centralismo” que para o nacionalista representan as políticas executadas polo Partido Popular. 

Carme Adán salientou o compromiso do BNG co emprego e a súa vontade de "insubmisión" aos recortes

Para o cabeza do cartel o actual contexto “require dunha gran contestación social” como a que se produciu en 2002, mais desta volta pensando nos comicios do 21-O. Data en que, segundo Jorquera, se definirá --nas urnas-- o “modelo de sociedade” do futuro para Galiza. Escolla para a que sitúa unicamente dúas opcións. Dunha banda “o modelo da dereita, inxusto no económico e no social, recentralizador e antidemocrático” e fronte a outro “que teña os intereses sociais como prioridade”, que representaría a proposta política da fronte nacionalista.

Con este discurso o BNG pretende catalizar o descontento social, para se converter na referencia política que dea voz no Parlamento de Galiza aos milleiros de galegas e galegos que protagonizaron os grandes procesos mobilizadores desta lexislatura contra as políticas de recortes de Feijóo, de Zapatero e de Rajoy.

Primeiro acto de precampaña de Aymerich

O acto contou tamén coa intervención do acabado de designar número un da candidatura pontevedresa, Carlos Aymerich, quen advertiu que o cambio só pode pasar por unha forza política “que teña a súa cabeza e o seu centro de decisión en Galiza”, no que se podería interpretar como unha alusión indirecta á AGE de Anova e EU. Pola súa banda, Carme Adán, número 2 d@s nacionalistas por Pontevedra, salientou o compromiso do Bloque coa creación do emprego e a súa firme vontade de “insubmisión” aos recortes impostos polo Partido Popular.

Comentarios