O BNG exixe a retirada dunha campaña de publicidade institucional

A directora da campaña electoral do BNG, Montse Prado, anunciou que a fronte nacionalista presentará un recurso perante a Xunta Electoral de Galiza exixindo a retirada da campaña “A Galiza do futuro depende de nós”. 

 

A recentemente reformada Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREX) determina que non se emitirá publicidade institucional a partir da convocatoria dos comicios –agás naqueles casos nos que sexa imprescindíbel para o correcto funcionamento dos servizos públicos--. Neste senso, a Xunta de Galiza, emitiu nestes días anuncios correspondentes á campaña “A Galiza do futuro depende de nós”. 

Desde o BNG, demandan á Xunta Electoral de Galiza, que “ordene ao goberno galego a retirada inmediata da campaña” e vele pola “estrita neutralidade, transparencia e equidade das institucións públcias durante todo o proceso electoral”.

Asemade, Montse Prado, calificou de “impresentábel en termos democráticos” que a campaña electoral do PP sexa dirixida polo aínda conselleiro de presidencia, Alfonso Rueda, quen ten asemade a responsabilidade de velar pola transparencia e neutralidade do dispositivo electoral. O BNG amosou pois o seu rexeitamento a tal solapamento de cargos e criticou que o PP non sexa "capaz de distinguir o ámbito institucional do partidario", como tamén fixeron o PSOE e Compromiso x Galicia, que asemade, exixiron a demisión do conselleiro.

Comentarios