O Bloque celebra o seu trinta aniversario

Na Convención Nacional tamén houbo espazo para a celebración das tres décadas de vida da fronte nacionalista.
Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova
photo_camera Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova


O Bloque hoxe celebraba tamén o seu aniversario. De feito abriu a súa Convención Nacional coa proxección dun vídeo onde se repasaba con imaxes os trinta anos que transcorreron desde a fundación da fronte nacionalista en 1982, e onde abondaban as imaxes de mobilizacións reflexo do intenso traballo na rúa do nacionalismo.

Houbo torta de aniversario, mais en formato virtual --“como os barcos de Feijóo” ironizou Xosé Lois-- proxectada na pantalla. As máis de tres mil persoas que ateigaban o lugar entoaron o “parabéns para o Bloque” para despois sopraren colectivamente as candeas virtuais.

Tres décadas no relato de 4 persoas que naceron en 1982

A lembranza das tres décadas cumpridas tomou forma na voz de varias persoas que naceron en 1982, canda a constitución da fronte, entre elas a Secretaria Xeral de Galiza Nova, Iria Aboi.

Aboi tras declarar que naceu e medrou co BNG bateu contra quen “inventa unha Galiza a golpe de titulares porque queren ver a Galiza real derrotada”. Para a secretaria xeral das mocidades do Bloque, a Galiza real é “a que resiste a doma e castración, a que non consente que lle rouben os seus dereitos, a d@s traballador@s de Alcoa ou d@s mariñeir@s que pescan en Mauritania, a d@s labreg@s e o estudantado que combate”, en síntese “a Galiza que quere ser dona de si propia” concluíu. Para tal fin advertiu que “non hai atallos nin premios de consolación” e agradeceu o compromiso militante que fixo posíbel “ter chegado até aquí”, cunha emocionada lembranza a Lois Obelleiro, Henrique Rodríguez Peña ou Manuel María, quen “entregaron o mellor da súa vida á nobre causa de Galiza”.

Isabel Buide, de Castro de Rei (Lugo), partillou co público o seu acerto por ter entrado a militar no BNG nas últimas municipais, afirmando que “o BNG cre no país e na capacidade de pobo galego”. Sobre as xeracións que a precederon recoñeceulles que “aprendéronnos a perder o medo”. Buide falou da difícil situación que atravesa a mocidade e chamouna a apoiar a proposta nacionalista porque “os dereitos hai que conquistalos e despois defendelos para que non se perdan”.

Pola súa banda Marcos Meléndez, de Ramirás (Ourense) expresou tamén o seu orgullo de facer parte do BNG, ao que definiu como “proxecto coherente, alternativo e transformador”. Orgullo que motivou en que “a xente que estamos no BNG non nos movemos por intereses propios, senón polo ben común e o interese do país”. “Quen senón o BNG loita pola autodeterminación do noso país?” preguntou, recibindo unha entusiasta ovación.

A última persoa en tomar a palabra foi Inés Rodríguez, de Carballo (A Coruña), quen aseverou que “o BNG é o mellor que foi capaz de crear este país por si propio”. Reivindicou que a consolidación da fronte nacionalista fose “conquistada desde abaixo, metro a metro, sen patrocinio de grandes poderes” para se gabar de ser “unha disfunción para o poder, algo distinto”.

Comentarios