Mensaxes reveladas nunha guerra de cores. Análise da escenografía electoral.

A escenografía dos actos electorais amosa a un BNG orgulloso da súa marca, un PSOE entregado ao vermello e un PP que intenta galeguizarse.

Peaxe a pagar destes tempos, as campañas electorais non só se disputan xa nos programas e nas ideas, senón tamén na posta de escena, normalmente esclarecedora das intencións de cada formación, que utilizan a escenografía dos seus actos e mitins tamén como outro xeito de enviar mensaxes. Por suposto, a presente actividade das distintas forzas políticas en Galiza tamén encaixa nesa tendencia, cunha guerra de cores que pretende ser representación da confrontación ideolóxica ou conceptual que se resolverá, no plano das urnas, este domingo. 

O BNG centra a súa imaxe na marca. Nun arrouto de orgullo calculado, a formación nacionalista decidiu reivindicar o seu logo histórico, nun xeito de lembrarlle á cidadanía que segue a ser a mesma forza “que sempre estivo a carón da xente” das última décadas, malia os problemas atravesados. A reivindicación desa imaxe tamén engloba os dous conceptos básicos da súa campaña: a bandeira galega como símbolo nacional e a estrela vermella como representación da esquerda. E conta cunha chiscadela interna, á de chamar ao traballo da militancia. Así, é o lema e, sobre todo, o logo do BNG o que preside os actos, onde se busca tamén unha presenza importante de bandeiras da propia organización, especialmente nas primeiras filas, buscando así unha imaxe de potencia, como a do 25 de Xullo ou as Convencións en San Lázaro.

O PSOE intenta limitar as súas recoñecibles dúbidas na actuación e liña política dos últimos anos tamén buscando un referente clásico, como é a cor vermella. Nunha especie de “non esquezades de que somos os 'roxos' malia que ultimamente pasa o que pasa”, @s socialistas galeg@s apostan por esa cor no escenario e tamén entre @s asistentes, onde se reparten bandeiras só do partido, en vez do 50 por cento entre elas e as galegas de anteriores comicios. Busca o PSOE reconciliarse co voto de esquerda que lles está a fuxir e así o simboliza, malia que nalgún acto deixase ver un círculo azul en medio do lema e, por suposto, rodeado por ese intento co omnipresente vermello.

É o PP quen máis necesitado está de vender unha imaxe de galeguidade que consiga separar a Feijóo da desfeita global na que tanto protagonismo ten Rajoy, pero que tamén esquecer o interese case único por Madrid amosado durante toda a lexislatura. Así, a formación gobernante optou por centrar a campaña no candidato e non tanto nas siglas pero ademais nos mitins apostou por unha (moi fraguiana) imaxe de azul galego (moi achegado ao seu propio ton corporativo) que resulta visíbel no escenario e tamén nas bandeiras -con escudo autonómico- que reparte a moreas entre o público, acompañadas tamén de camisetas ou panos co mesmo cor. Pero, como teñen @s simpatizantes que teñen, o PP non pode evitar que entre ese mar organizado aparezan destacadas bandeiras de España, moitas delas con touro no medio.

Respecto a outras forzas, Compromiso por Galicia optou polo verde, na procura dunha distinción clara respecto ao resto de opcións. CXG quixo unha diferenciación tamén na introdución doutros elementos novidosos e arriscados (uso de bocadillos de banda deseñada, sofás..) máis existe a sensación de que se pasou de freada caendo en mans dunha fácil caricatura. Pola súa parte, AGE -onde os logos de IU e Anova están moito máis presentes que os doutros aliados- seica apostou pola naturalidade e certo aire de anos 80, con mitins baixo un fondo co lema e sen bandeiras da organización senón dos dous polos que na coalición existen, o que fai convivir as estreleiras de Galiza coas españolas republicanas. Nas cores, dominan o azul e o vermello sobre branco, pero por separado, non xuntos formando marca como pode ser no caso do BNG.

Comentarios