domingo 29.03.2020

Mario Conde presentará partido na Galiza coa promesa de eliminar os territorios e o carácter oficial da nosa lingua

O ex-presidente de Banesto aspira a encabezar a listaxe "por Pontevedra ou Ourense" con Sociedad Civil y Democracia, o seu segundo desembarco na política após presentarse ás xerais de 2000 por CDS, comicios en que nin sequera votou por si propio

Cunha declaración de intencións tiradas do primeiro congreso e que pasan pola eliminación dos territorios, do carácter oficial da nosa lingua propia e do dereito á autonomía dos pobos, Mario Conde aterrará o 15 deste mes na Galiza para presentar a folla de ruta con que o seu partido, Sociedad civil y democracia, concorrerá nas eleccións do 21 de outubro.

A Plataforma democracia y libertad en el PP --ao redor de 2.000 [email protected] e 10.000 simpatizantes do PP, segundo medios españois próximos á extrema dereita-- anunciou xa a súa disolución para se afiliaren á formación do ex presidente de Banesto. E Conde anunciou recentemente nunha entrevista que aspira a encabezar a candidatura "por Ourense ou por Pontevedra".

Así as cousas, ao lle preguntar polo actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, di Mario Conde que "non o coñezo moito, mais a xente dime que non é de fiar", e coloca riba da mesa a "promesa incumprida en materia lingüística". Contempla o programa electoral de Sociedad civil y democracia a modificación do artigo 3 da Constitución española, que recoñece o carácter oficial das linguas galego, catalán e éuscaro nos seus respectivos territorios, para colocar que, de aquí en diante, as linguas propias "poderán ser obxecto de ensino e aprendizaxe a elección dos proxenitores, mais nunca en detrimento do idioma oficial de España", desaparecendo así calquera mención ao seu carácter oficial.

Mais vai máis aló este novo partido político que pretende presentarse en Galiza, ao mudar tamén a redacción do apartado primeiro do devandito artigo. A proposta é elevar á categoría de "irrenunciábel" o "uso" do español, para alén do seu ensino e aprendizaxe. Eliminar os territorios para impor un centralismo aínda maior é outra das achegas da formación que encabeza o ex-banqueiro da Mezquita, quen propón, nesta liña, un novo contido para o artigo 2 da Carta magna.

Alí onde se "recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades" pasa Conde a goma de borrar e escribe a continuación que o que se "recoñece e garante" é "a igualdade e dereito á solidariedade entre todas as rexións e provincias". Segundo os datos do último barómetro do CIS --Centro de investigacións sociolóxicas--, un 30,8% da cidadanía está conforme co nivel de autogoberno que hoxe en día teñen os territorios, mais un 12,3% demanda máis competencias e un 8,9% exixe que se lles recoñeza a posibilidade de seren estados independentes. Finalmente, facendo uso dunha linguaxe sexista que esquece o sufraxio universal e o recoñecemento do voto das mulleres conquerido en 1931, Sociedad civil y democracia avoga por un novo sistema electoral en que se consagre "incluso constitucionalmente" o principio "un home, un voto".

Non é a primeira vez que Mario Conde se embarca na política. En 2000 presentouse como cabeceira da lista da CDS ás xerais, e nin sequera el votou por si propio. Un ano despois foi condenado a 20 anos de cárcere polo Tribunal supremo polos delitos de estafa e apropiación indebida relacionados co 'caso Banesto'. A Audiencia española obrigárao xa a devolver ao banco os 7.200 millóns de pesetas dos cales se apropiara.

comentarios