Mario Conde agrede un mozo de 14 anos á saída do mitin no Barco

O acto central da campaña de Sociedad Civil y Democracia na capital valdeorresa acabou por enfrontar un grupo de mozos que increparon o candidato por se sentiren insultados.
Mario Conde
photo_camera Mario Conde

O mitin de SCD foi un baño de masas para o que o seu líder acostuma, e é que a expectación que creou foi moita ao ser o único partido que concorre ás vindeiras eleccións con dous valdeorreses na súa candidatura por Ourense: Fernando Santos Prada, o número seis da lista, e a súa dona.

A parella, posiblemente, se candidatou cumprindo caprichos do fillo, un Garda Civil que asistía aulas no instituto disfrazado do ex-banqueiro e que creou un clube de fans de Mario Conde moito antes de que este ingresara no cárcere, o que lle facilitou o trato persoal e unha amizade de vello co seu ídolo.

O acto transcorreu sen grandes alardes. A ausencia de carteis ou propaganda e tan só unha intervención, desentoaba coas máis de 200 persoas que enchían a metade das butacas do Teatro Lauro Olmo, cifra que non moitos partidos consolidados acadan.

Conde falou da centralización do estado e sobre a democracia e a corrupción de outros partidos. Asemade, asegurou que a política de inmigración “debería ser máis dura pois nestes momentos non hai traballo para os españois”. Foi esto o que menos gustou a A.D.C., de 14 anos e fillo dunha dominicana, que asistía con dous amigos “para ver ao famoso”, asegurou.

O enfado do mozo fíxolle agardar por Conde á saída, onde, acompañado dos seus dous amigos comezaron a berrarlle “ladrón, vaite de aquí” e “o único corrupto es ti”. Os berros incomodaron claramente ao líder de SCD que lles dixo “vaite para a túa casa”, máis nas súas filas trataron de calmalo apurando o paso mentres que o seu amigo barquense e Garda Civil rifaba aos rapaces.

Os adolescentes decidiron seguir aos recén encetados políticos coas mesmas consignas, co que Mario Conde decidiu espetarlle unha labazada a A.D.C. ademais de collelo polo pescozo para darlle un empurrón.

A dominicana asegura que o seu fillo “chegou á casa correndo, moi nervioso e chorando e aínda traía o pescozo rubio”. Di que non hai dereito que “un recoñecido ladrón lle faga eso ao seu fillo”. Pese á rabia, a muller di que terá que “meditar se denuncio ou non, pois nunca un pobre lle gañou a un peixe gordo” e asegurou que “non quero meterme en líos”.

Comentarios