Manuel Martín, voceiro de SOS sanidade pública: ''O resultado das urnas traerá máis desigualdade''

A plataforma contra os recortes na sanidade esperaba unha vitoria do PP, mais non que a formación conservadora sumase máis tres deputad@s no Parlamento galego. ''Sinceramente pensaba que as políticas contra a cidadanía ía ter un custo nas urnas'', considerou o seu portavoz.
Manuel Martín
photo_camera Manuel Martín

"É un resultado moi negativo para todo o que defendemos na plataforma", valorou Manuel Martín, voceiro de SOS sanidade pública, a escolla do pobo galego nas urnas este 21 de outubro: máis unha maioría absoluta do PP coa que "corremos o risco evidente de que o proceso de privatización" da sanidade pública adquira "niveis máis activos e preocupantes".

Desde o colectivo cidadán constituído en contra do desmantelamento deste dereito fundamental a través de normativas como o real decreto galego aprobado por Pilar Farjas en setembro de 2011 ou o RD 16/2012, do Goberno español, consideran que cos resultados colleitados "vai aumentar o deterioro e a desigualdade".

A título individual, Martín dixo sentirse "sorprendido" polo vieiro que tomou o panorama político. "Persoalmente pensaba que as políticas en contra da cidadanía desenvolvidas polo PP a nivel galego e estatal terían un custo electoral, e desgrazadamente non foi así".

Considerou "un erro importante" o daquelas persoas que tomaron a decisión de non ir votar "a pesares do descontento", pois recalcou que "as políticas de cada partido non son as mesmas".

Remarcou o voceiro de SOS sanidade pública que "non só non están en contra das súas políticas, senón que as apoian", e a renglón seguido deixou claro que, se ben esperaba o triunfo do PP, o que non agardaba era que a formación conservadora transformase o descontento social colleitado cos recortes en tres deputad@s máis no Parlamento galego.

Comentarios