Jorquera terza no debate afirmando que as opcións son dúas: “continuísmo do PP ou a alternativa do BNG”

Nun mitin masivo en Carballo o candidato nacionalista expresou o seu compromiso de o BNG “ser dique de contención contra os recortes”.
Mitin do BNG en Carballo
photo_camera Mitin do BNG en Carballo

O mitin que o BNG realizou esta segunda feira en Carballo, unha das súas prazas fortes na provincia da Coruña, contou cunha participación masiva. Desde un auditorio ateigado o candidato Francisco Jorquera anticipouse ao debate electoral que enfrontaría pouco despois a Feijóo e Pachi Vázquez asegurando que as opcións de cara aos comicios do 21-O eran só dúas. Elixir “o modelo do continuísmo das políticas fracasadas do Partido Popular” ou escoller “as alternativas do BNG contra os recortes e a prol dunha saída social á crise”.

Jorquera afirmou que as propostas que formula o BNG son “a única vía para acadar o cambio real que Galiza precisa”, comprometéndose a que a fronte nacionalista actuará como “verdadeiro dique de contención contra os recortes”. Un dique en que dar acubillo “á xente traballadora, pequenos e medianos empresarios, autónomos ou mocidade” e con que enfrontar as políticas de Rajoy evitando que se sinta lexitimado para seguir a empobrecer salarios e pensións.

Ao fío das últimas enquisas, o cabeza de lista nacionalista volveu insistir na idea de que “medra a desafección cara ao PP na mesma medida en que crece a simpatía cara ao BNG” polo que “cada día que pasa vese máis clara a derrota do PP”.

Comentarios