Jorquera denuncia a "insensibilidade" de Feijóo e acúsao de mentir sobre o caso do enfermo de cancro

O candidato do BNG acusa ao líder do PP de “mentir sobre casos dramáticos como o dun enfermo de cancro”.
Francisco Jorquera e integrantes da candidatura do BNG no mitin en Tomiño
photo_camera Francisco Jorquera e integrantes da candidatura do BNG no mitin en Tomiño

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, acusou a Feijóo de “comportarse como un contábel en vez de como un verdadeiro presidente da Xunta” e advertiulle que “a solvencia consiste en loitar contra o paro, loitar contra a crise, e nestes asuntos Feijóo é un presidente insensíbel co drama que estamos a vivir”.

Jorquera, nun mitin en Tomiño con grande resposta de público, criticou a “locuacidade” demostrada por Feijóo durante o debate na TVG “moi locuaz si pero mentiu sobre as contas públicas, mentiu sobre as listas de espera e sobre o caso dramático da persoa enferma de cancro que agarda por unha operación en Ourense”.

“Ademais aínda estamos agardando a que expulse do seu partido a Castelao Bragaña, un señor que se atreveu a dicir que as leis son para violalas, como as mulleres, unha auténtica barbaridade que é auténtico terrorismo machista”, afirmou.

O cabeza de cartel do Bloque despregou un tono moi crítico contra o actual Presidente da Xunta e a súa xestión. “Cando foi Galiza o primeiro para Feijóo? Se chegou á Xunta atacando o galego e agora di que a súa principal preocupación é que Galiza non sexa un problema para o Estado, cando o que lle debería preocupar é que as políticas de Rajoy levan a Galiza á ruína” acrecentou Jorquera.

Pola súa parte, o candidato nacionalista pola provincia de Pontevedra, Carlos Aymerich, ironizou coa sintonía de campaña do PP “Acabar o que iniciamos” e preguntou se Feijóo se refire a “acabar como no país veciño, pagando por ir a urxencias ou ao hospital”. “O PP quere que volvamos aos tempos nos que só estuden os ricos e que haxa que aforrar por se nos poñemos enfermos”, rematou.

Comentarios