Jorquera defende que a "lingua e cultura propias teñen peso na economía"

O candidato do BNG visitou a sede da Real Academia Galega, onde acusou a Feijóo de poñer o inglés por diante da lingua propia de Galiza.
Francisco Jorquera na xuntanza mantida con Ferrín
photo_camera Francisco Jorquera na xuntanza mantida con Ferrín

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, visitou onte a sede da Real Academia Galega, na rúa Tabernas da Coruña, onde foi recibido polo seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, o secretario, Xosé Luís Axeitos e o tesoureiro, Manuel González. Alí, o candidato do Bloque asegurou que “para o BNG, o galego é o primeiro fronte ao 'first English' do PP”.

“Para un país ter unha lingua e cultura propias é un elemento imprescindíbel para facer posíbel o progreso social e o desenvolvemento económico. En todos os países avanzados a cultura ten un peso importante na súa economía e é un factor de creación de riqueza e emprego. Mais fronte ao potencial cultural galego, Feijóo empezou a lexislatura cun decreto que atacaba a lingua”, afirmou Jorquera, acompañado por Bieito Lobeira, Montse Castro e Xosé Manuel Carril.

“Unha institución básica no noso país e na defensa, promoción e coñecemento do noso idioma e da nosa cultura como a RAG está sendo vítima dunha política de brutais recortes, como lle está a ocorrer ao apoio e creación á industria cultural galega, que o PP quere converter en algo marxinal”, engadiu o candidato nacionalista, que lembrou tamén que “a partir do 21 de outubro, cando se produza ese cambio real polo que vai apostar a sociedade galega, a liña que cómpre seguir será a de converter en estratéxico o apoio e potenciación do noso idioma e a nosa cultura”. 

“No campo idiomático para asegurar a igualdade real entre galego e castelán e darlle o apoio que merece a RAG e impulsar todo o traballo de creación, divulgación e difusión cultural en galego e impulsar unha potente industria”, rematou Jorquera.

Comentarios