Jorquera critica o silencio de Feijóo fronte á posibilidade de que Rajoy non actualice as pensións

O candidato do BNG acusou Mariano Rajoy de “insultar a intelixencia das galegas e dos galegos”. “A única Galiza que coñece é a da praza de touros fumando un puro” dixo Jorquera sobre o Presidente do Goberno central. O BNG fan un apelo á participación e a concentrar o voto o vindeiro 21-O para “asegurar a derrota do PP”
Francisco Jorquera no mitin de Ribadeo
photo_camera Francisco Jorquera no mitin de Ribadeo

No mitin que o BNG realizou este sábado en Ribadeo o seu candidato á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, criticou con dureza que “nin Feijóo nin Rajoy se comprometan a actualizar as pensións”. Este feito é interpretado por Jorquera como un sinal claro de que “Feijóo xa asumiu que despois do 21-O Rajoy vai recortalas e por iso agora cala como un peto”. De confirmarse os temores d@s nacionalistas a decisión do goberno español provocaría o empobrecemento das pensións galegas, a máis baixas de todo o Estado.

Francisco Jorquera cargou con dureza contra Mariano Rajoy ao que acusou de “insultar a intelixencia das galegas e dos galegos porque non coñece en absoluto este País”. Segundo o cabeza de cartel do Bloque, o Presidente do Goberno central “a única Galiza que coñece é a da praza de touros de Pontevedra mentres fuma un puro”. Jorquera apuntoulle a Rajoy que “o verdadeiro balanzo do PP en Galiza é deixar un país case en ruínas”.

Apelo á participación

Coa resaca dos resultados da enquisa do CIS que sinalaba que o BNG sería a única forza que incrementaría o seu número de escanos, Francisco Jorquera fixo un chamamento á participación. “Existe unha clara maioría social a favor de abrir unha nova etapa en Galiza” afirmou, citando que “só o 31% quere que Feijóo continúe gobernando fronte ao 49 que aposta polo cambio” tal e como se recolle na sondaxe do CIS.

Malia que, como é habitual, o BNG rexeita opinar sobre os inquéritos, Jorquera valorou que “o BNG é unha forza en ascenso que sintoniza coa maioría social” e recalcou a necesidade de “concentrar o voto do nacionalismo e a esquerda no Bloque” para asegurar a derrota do Partido Popular.

Comentarios