O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, comprometeuse a a “repoñer as prazas de profesores que o goberno de Feijóo destruíu esta lexislatura” e a derrogar o decreto “vergoñante” do plurilingüismo, que reduciu a presenza do galego nas aulas.
Jorquera, nun acto público con moz@s e representantes do ensino, asegurou que “recortar no ensino é recortar no futuro do País e renunciar a modificar o modelo de crecemento que conduciu á crise, por iso para o BNG un ensino público e de calidade será prioritario”.
“Un dos grandes logros que conseguiu o PP en Educación foi unir a profesores e pais en toda Galiza en contra das súas políticas de brutais recortes e en contra da estratexia programada de desaparición do galego”, sinalou o candidato do Bloque, que un día antes apoiou unha manifestación de estudantes na Coruña.
Pola súa parte, Marta Dacosta, profesora e candidata número 6 pola circunscrición de Pontevedra, acusou a Feijóo e ao conselleiro de Educación e candidato do PP por Ourense de ser “precursores de Wert” e cualificou de “trienio negro” para o ensino en Galiza a lexislatura.