Jorquera chama ás e aos votantes do PP “traizoad@s” pola política de recortes a se sumaren ao cambio

O candidato do BNG pediu tamén o voto da mocidade asegurando que o 21-O tamén está en xogo o seu futuro. No mitin de Allariz estiveron presentes Anxo Quintana e Alfredo Suárez Canal apoiando o candidato nacionalista.
Mitin Allariz
photo_camera Mitin Allariz

O mitin do BNG de onte en Allariz non foi un mitin máis. Non só por ter lugar nun dos feudos da fronte nacionalista onde dirixen o concello desde hai máis de dúas décadas. Senón pola forte carga emotiva que sobrevoou o acto en que estivo presente o ex-portavoz nacional do Bloque, Anxo Quintana e máis Alfredo Súarez Canal. Quintana fundiuse nun intenso abrazo con Francisco Jorquera, dando a imaxe da xornada. Unha estampa que dá boa conta do clima interno de unidade con que o BNG enfronta os comicios deste domingo.

Emotivas foron tamén as palabras de recoñecemento que o actual alcalde de Allariz, Paco García, dirixiu tanto a Quintana como a Suárez Canal, cualificándoos como “exemplos da política ao servizo da xente”, referencia que recibiu unha ovación por parte do público.

“A chave é converter o descontento co PP en enerxía eleitoral o próximo domingo”

Francisco Jorquera dirixiuse de xeito expreso a aqueles sectores que tradicionalmente teñen dado o seu apoio ao Partido Popular e que hoxe non concordan coa política de recortes, pendindolles o voto para frear a un Feijóo “que usa as maiorías absolutas para @s traizoar”. Deste xeito o candidato nacionalista á Presidencia da Xunta solicitaba o apoio de autónomos, pequena empresa, comerciantes ou pensionistas e os instaba a se sumaren “sen medo ao cambio que representa o BNG”. 

Jorquera fixo tamén referencia especial á mocidade, chamándoa a participar nunhas eleccións nas “que tamén está en xogo o seu futuro”. O candidato nacionalista pediu o voto mozo “para evitar que teñan que emigrar unha vez rematen de estudar e para asegurar a igualdade de oportunidades fronte a un PP que quere volver aos tempos nos que só podían estudar os ricos, e nos que se separaban nenos e nenas das aulas”. “A chave desas eleccións é converter o descontento social maioritario co PP en enerxía eleitoral o próximo domingo 21 de Outubro” concluiu.

Tereixa Paz diríxese en alemán a Angela Merkel

A situación da mocidade, cunha taxa de paro récord, estivo tamén presente na intervención da cabeza de lista do BNG por Ourense. Tereixa Paz chamou a mocidade a “aprender alemán para dicirlle a Merkel que non, que non queremos os seus minijobs lixo”. A candidata mesmo chegou a se dirixir en alemán a Angela Merkel afirmando que “@s moz@s galeg@s queren traballar e vivir na súa terra”.

Comentarios